Colaboración coa CEG

O coñecemento pode alimentar a competitividade das empresas, dun modo sostible, a través da innovación, garantindo así a súa produtividade e a xeración de riqueza. As empresas son como as células nas que o coñecemento se ha de transformar en riqueza para o benestar social.

Co propósito de favorecer a aproximación ás empresas, a Real Academia Galega de Ciencias subscribiu un convenio marco de colaboración coa Confederación de Empresarios de Galicia (CEG), o día 31 de Outubro de 2013. No contexto deste convenio desenvolveuse na CEG, en Novembro -Decembro de 2013, o ciclo AVANCES sobre "Coñecemento para o desenvolvemento socioeconómico". Actualmente estase a organizar o ciclo AVANCES 2014, a celebrar a partir do 13 de Outubro, que tratará sobre O Emprendemento Científico: Unha Oportunidade Necesaria.

As Universidades e os Centros de Investigación, nos que se xera o coñecemento, desenvolven a súa política de transferencia de tecnoloxía ao sector produtivo basicamente a través de tres instrumentos:

Contratación de proxectos con empresas, ben directamente, ben a través de programas institucionais como o Programa Marco de I+D da Unión Europea e os Plans de I+D+i, nacional e autonómico.

A protección dos seus resultados científico-tecnolóxicos mediante patentes e a súa posterior comercialización.

A creación de empresas de base tecnolóxica (EBTs), a través de iniciativas de emprendemento protagonizadas por persoal adscrito aos devanditos centros.


A Xunta de Galicia presentou recentemente a Estratexia de Especialización Intelixente de Galicia (RIS3) para o período 2014 - 2020. Nela, a transferencia de tecnoloxía ao sector produtivo ocupa un papel predominante.