Outras vías de transferencia. Innovación

O coñecemento, os avances científico-tecnolóxicos, producidos nas Universidades, nos Centros de Investigación e Centros Tecnolóxicos, han de chegar ao sector produtivo, máis alá das EBTs, ben a través da realización de proxectos, ben mediante a adquisición de patentes, como quedou dito. As empresas han de manter a súa competitividade nun mercado globalizado, a través da innovación e neste contexto a aludida transferencia de tecnoloxía adquire unha especial relevancia e é algo que hai que impulsar, algo polo que hai que loitar.

Segundo La Ciencia en Galicia, Informe1 da Fundación Barrié, o % de fondos captados polo Sistema Universitario Galego entre 2006 e 2010 en forma de contratos de investigación con empresas, proxectos realizados en colaboración, traballos de consultoría e asistencias técnicas ascendeu ao 21% sobre o total de fondos de I+D conseguidos. Este tipo de transferencia supuxo uns ingresos de 216,6 millóns de euros, entre 2005 e 2010. Por outra parte, das 947 patentes solicitadas dende Galicia para España, entre o 2005 e 2010, o 29% corresponderon ás Universidades e Organismos Públicos de Investigación. Esta porcentaxe é do 26% no que se refire ás 102 patentes europeas e internacionais. Estes datos indican claramente que é longo o camiño que aínda queda por percorrer.

É necesario crear unha nova cultura na que ambas as dúas partes, sector investigador e sector produtivo, sexan plenamente conscientes do papel que ha de xogar hoxe o coñecemento no desenvolvemento socioeconómico de Galicia, así como da necesidade de avanzar nesta colaboración incipiente. A Real Academia Galega de Ciencias quere contribuír a esta necesaria e difícil tarefa. Por iso, entre outras cousas, o pasado ano dedicou o ciclo AVANCES EN CIENCIA Y TECNOLOXÍA ao "Coñecemento para o desenvolvemento socioeconómico", en colaboración coa Confederación de Empresarios de Galicia. Nel analizáronse diversas experiencias de éxito.