Historia

Un grupo de seis galegos ilustres e amantes de Galicia: D. Enrique Vidal Abascal, D. Isidro Parga Pondal, D. Luis Iglesias Iglesias, D. Domingo García Sabell, D. Antonio Fraguas e Fraguas e D. Eugenio Torre Enciso, todos eles académicos da Real Academia Galega, tiveron a clarividencia e o grande acerto de entender que o desenvolvemento de Galicia non só requiría a promoción da cultura asociada á lingua galega, á historia, ás letras e ás artes, senón que necesitaba tamén e sobre todo a promoción da cultura asociada á ciencia, a tecnoloxía e as súas aplicacións. Por iso, o 26 de Xaneiro de 1973 procederon a asinar un escrito de solicitude de creación da Academia Galega de Ciencias. Este loable empeño alcanzou o seu obxectivo cando o Real Decreto 1218/1977 do 23 de Abril creou a Academia de Ciencias Galega, que finalmente se constituíu en Xullo de 1978 cos Académicos promotores e os propostos por diversas institucións, como Académicos fundadores:

Pola Facultade de Ciencias:

Ignacio Rivas Marqués; Francisco Bermejo Martínez; Eduardo García-Rodeja Fernández e Ernesto Vieitez Cortizo.

Pola Facultade de Farmacia:

Jaime González Carreró; Benito Regueiro Varela; Pablo Sanz Pedrero e Mª del Pilar Fernández Otero.

Pola Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais:

José Manuel Beiras Torrado; Jaime García-Lombardero e Viñas; Juán Ramón Quintás Seoane e Luis Suárez-Llanos Gómez.

Pola delegación do C.S.I.C.:

Aniceto Charro Árias; Francisco Guitián Ojea; Xusto Rodríguez Martínez e Jesús Méndez Sánchez.

O 18 de Decembro de 1978 a Academia recén creada celebrou unha xuntanza extraordinaria na que se procedeu á elección do seu primeiro Equipo de Goberno, que quedou constituído por:D. Enrique Vidal Abascal, como Presidente, D. Ernesto Vieitez Cortizo, como Vicepresidente, D. Juán Quintás Seoane, como Tesoureiro, D. Antonio Fraguas e Fraguas, como Bibliotecario e D. Jaime García Lombardero, como Secretario. A partir desta data a Academia procedeu ao ingreso gradual de novos Académicos, seguindo o procedemento establecido polos Estatutos.

O Académico promotor D. Isidro Parga Pondal foi nomeado Presidente de Honra.

O 9 de Decembro de 1982 D. Ernesto Vieitez Cortizo accedeu, por elección, á Presidencia da Institución, na que permaneceu ata o seu pasamento, o 21 de Setembro de 2013. Foi o seu segundo Presidente.

Por Real Decreto 2629/1983 do 10 de Setembro cambiouse o nome de Academia de Ciencias Galega polo de Academia Galega de Ciencias. Finalmente o 14 de Xaneiro de 1994 a Casa Real concedeu á Academia Galega de Ciencias o título de Real, converténdose así en Real Academia Galega de Ciencias.

O 21 de Novembro de 2013 foi elixido Presidente D. Miguel Ángel Ríos Fernández, que ocupa o cargo actualmente.

Inicialmente a RAGC tivo a súa sede nas instalacións do Instituto Padre Sarmiento, Rúa do Franco, 2. No ano 2000 trasladouse ao Pazo de San Roque, 2, por decisión do entón Presidente da Xunta, D. Manuel Fraga Iribarne. No mes de Febreiro de 2014 comunicóuselle que debería abandonar o Pazo de San Roque e no momento actual encóntrase situada, con carácter provisional, en Praza de Europa, 10 A, 6 ºB (Área Central), en dependencias da Axencia Galega de Innovación ( Xunta de Galicia).