Organización

A Real Academia Galega de Ciencias é unha corporación científica, de dereito público, sen ánimo de lucro, con personalidade xurídica propia, que nace en 1977 para o cultivo do saber e a difusión do coñecemento e das súas aplicacións. O seu ámbito territorial é Galicia.
A Academia intégrana os Académicos, que poden ser de catro tipos: Académicos numerarios e Académicos correspondentes, en número máximo de 40 e 60 respectivamente; Académicos de honra ata un máximo de 10 e Académicos supernumerarios, en número ilimitado.
Está formada por cinco seccións: Sección de Matemáticas e Física do Cosmos; Sección de Química e Xeoloxía; Sección de Farmacia e Bioloxía; Sección de Ciencias Técnicas e Sección de Ciencias Sociais e Económicas. Cada unha pode ter 8 Académicos numerarios, 12 correspondentes e ha de contar con Presidente, Vicepresidente e Secretario.

Os Académicos han de ser elixidos polo pleno en votación secreta e por maioría absoluta, por proposta de dous Académicos numerarios e con informe da Sección correspondente.

Para o seu goberno a Academia conta cun Equipo Directivo, formado por Presidente, Vicepresidente, Tesoureiro, Bibliotecario e Secretario, como órganos unipersoais. Conta, ademais, con dous órganos colexiados: A Xunta de Goberno, integrada polo Equipo directivo e os Presidentes das cinco Seccións e o Pleno, formado por todos os Académicos numerarios.