Presentación

Como é ben sabido, a natureza alberga unha inmensa riqueza en forma de materias primas, nos seus reinos mineral, vexetal e animal, pero atesoura, ademais, unha riqueza moito maior, encerrada no arcano insondable das leis polas que se goberna en todo o universo. A actitude do ser humano ante estes recursos da natureza sempre foi, dende os seus primeiros tempos, a de descubrilos e utilizalos para o seu sustento e benestar. O ser humano non é quen de inventar novas leis, e en consecuencia, o seu esforzo diríxese unicamente a descubrir e coñecer as leis que operan na natureza e dende ese coñecemento, a utilizalas para inventar e desenvolver, iso si, novas aplicacións útiles. Na antigüidade, as leis descubríanse por simple observación e con frecuencia por casualidade e as aplicacións limitábanse ao inmediato. Iso foi o que aconteceu co lume, por exemplo. Actualmente, as leis descóbrense e estúdanse baixo o rigor implacable do método científico, a través da investigación científica e técnica e dende este coñecemento profundo, a creatividade humana inventa e desenvolve novas aplicacións. Por iso, o coñecemento está hoxe na base das vantaxes competitivas das nosas empresas e polo tanto do desenvolvemento socioeconómico de Galicia. Estas ideas están en consonancia co binomio natureza e coñecemento, que é o lema da Academia.

O coñecemento non se limita xa a ser só unha representación mental da realdade, o que por outra parte é fundamental, dende o punto de vista científico. O coñecemento ten hoxe, ademais, unha nova dimensión, que adquire cada vez máis relevancia para o desenvolvemento dos pobos, a dimensión económica. Por esta razón, no marco da promoción social do coñecemento, inducir un cambio cultural no que a Sociedade galega sinta e proclame o valor que hoxe ten o coñecemento para o seu desenvolvemento socioeconómico, en definitiva, inducir un cambio que impulse o desenvolvemento dun novo modelo de sistema produtivo, baseado no coñecemento, será un obxectivo claro e inequívoco que presidirá as actividades desta Real Academia ao longo dos próximos anos. A este propósito encamíñanse a práctica totalidade das actividades que a Real Academia Galega de Ciencias ten planificadas para este curso académico.
Trátase dun percorrido lento e difícil do que aínda queda moito treito por andar. Facelo coa rapidez necesaria require o esforzo e a colaboración de todos, colaboración que, dende estas páxinas, a Real Academia Galega de Ciencias ofrece e solicita.