Entregados os Premios á Transferencia de Tecnoloxía 2015

15/01/2016

Nun acto solemne, celebrado no día de onte no Pazo de San Roque, tivo lugar a entrega dos  Premios á Transferencia de Tecnoloxía na súa primeira edición correspondente ao ano 2015. Estes premios foron instituidos pola Axencia Galega de Innovación (GAIN)  en colaboración coa Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) e convocados pola RAGC baixo o patrocinio da GAIN. O Premio a un traballo de investigación aplicada correspondeu a un traballo realizado polo investigadores D. José A. Castelo, D. Francisco Campos e D. Tomás Sobrino, do Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago, no que dan conta dunha nova terapia para paliar os efectos do ictus cerebral, sobre a base de reducir a presenza do glutamato plasmático. O Premio a un caso de éxito empresarial en transferencia de tecnoloxía foille concedido á empresa QuBiotech e entregado ao seu Director executivo  D. Pedro Arenas, polo produto innovador IQ-Brain, un sistema de análise e procesado integral de imaxes médicas, que facilita o diagnóstico temperán de enfermidades neurodegenerativas. Nosa máis cordial felicitación aos premiados.  Ao acto asistiron, xunto ao Presidente da RAGC, D. Miguel A. Ríos, o Conselleiro de Economía, Emprego e Industria, D. Francisco Conde, o Conselleiro de Sanidade D. Jesús Vázquez, a Conselleira do Mar, Dá. Rosa Quintana, os Reitores das Universidades de Santiago e A Coruña, D. Juán Viaño e D. Xullo Abalde, o Director de GAIN e outras autoridades, así como un numeroso público. A todos eles o noso agradecemento. Este Premio, ao que se lle outorgou un certo carácter institucional, será convocado en data próxima, na súa segunda edición.