A RAGC fai pública a concesión dos Premios de Investigación Ernesto Vieitez 2016

28/12/2016

Premio a un traballo de investigación para investigadores senior

O traballo científico,  Detección rápida de anisákidos mediante Espectometría de masas PRM, foi distinguido co Premio de Investigación 2016 da Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) para investigadores senior. Está dotado con 6.000 euros. O equipo, integrado por Mónica Carrera, José Manuel Gallardo, Santiago Pascual, Ángel González e María Isabel Medina, propón unha solución ao importante problema que representa o anisakis para unha industria estratéxica en toda Europa, e moi especialmente en Galicia.  O equipo galardoado forma parte do Instituto de Investigacións Mariñas (IIM) que o Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC) ten en Vigo.

Premio a Promoción de investigadores mozos

O proxecto, La ingesta de dieta alta en grasa disminuye la producción por el estómago de FNDC5, una proteína a la que se le ha atribuido un papel protector frente a la obesidad, foi premiado na categoría de investigadores mozos, dotado con 2.000 euros. A súa autora, Silvia Barja Fernández, é unha científica do Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela (IDIS).

Mencións honoríficas

O elevado nivel das candidaturas levou nesta ocasión ao xurado a distinguir a maiores con senllas mencións honoríficas outros dous traballos realizados por matemáticos e químicos da Universidade de Santiago (USC).

Na categoría do Premio de Investigación, dirixida a científicos consolidados, concédese unha mención honorífica ao traballo sobre Caracterización espectral do signo constante da función de Green dos problemas (k,n – k), realizado polos matemáticos da USC Alberto Cabada e Lorena Saavedra.

A mención honorífica na categoría de investigadores mozos correspóndelle a Jessica Rodríguez, do Centro Singular de Investigación en Química Bioloxía e Materiais Moleculares (CIQUS) da USC, polo traballo sobre Recoñecemento selectivo de longas secuencias de ADN con construcións peptídicas multicompoñentes.

A elección dos galardoados vén de ser aprobada en pleno pola RAGC. Os premios serán entregados nunha cerimonia que terá lugar no mes de xaneiro en Santiago, coincidindo coa apertura do curso académico da institución. Os galardóns, que chegan este ano á súa vixésimo quinta edición, levan o nome Premios de Investigación Ernesto Viéitez, na honra do anterior presidente da institución.