Eidos de futuro

A investigación científica e técnica esténdese hoxe practicamente a todos os campos onde operan as leis da natureza e abrangue á totalidade dos sectores. Non obstante, hai algunhas áreas nas que a investigación se fai especialmente relevante, pola súa novidade, pola espectacularidade dos seus resultados actuais e sobre todo polas posibilidades e previsións de futuro. Aquí queremos chamar a atención sobre algunhas delas.
 

As Nanotecnoloxías


Clústeres de Ag sub-sub-nanométricos de 5 átomos depositados
sobre terrazas de Au (111) dun átomo de espesor, observados
mediante microscopía de varrido de efecto túnel (STM).

Baixo esta denominación non se fai referencia a unha tecnoloxía especifica; nin sequera a un grupo de tecnoloxías ben definidas. Trátase máis ben dun campo moi amplo e heteroxéneo da tecnoloxía no que o denominador común é o tamaño das estruturas que forman os sistemas, tamaño que en todos os casos ha de estar no rango dos nanómetros (un nanómetro é unha millonésima parte dun milímetro). A clave está en que os sistemas constituídos con estruturas destes tamaños presentan propiedades singulares e diferentes das que tería o sistema coa mesma composición química e coas estruturas que puidésemos considerar tradicionais.

A investigación neste campo, ente outras moitas cousas, supón, en primeiro lugar obter as estruturas nanométricas, logo caracterizalas nos seus diversos aspectos, identificar as súas propiedades e finalmente ver como sacar vantaxe do valor engadido que as presuntas propiedades poden levar consigo. Trátase dunha investigación claramente interdisciplinar.

As novas propiedades destes nanomateriais poden ser moi diversas: Ópticas, magnéticas, químicas, mecánicas, electrónicas, etc. De maneira que as súas aplicacións se estenden practicamente a todos os sectores produtivos: Tecnoloxías da Información e as Comunicacións, Automóbil, Aeroespacial, Construción, Textil, Enerxía, Biotecnoloxía, Industria Farmacéutica, etc.

Aínda que xa hai resultados moi relevantes, as Nanotecnoloxías están aínda en fase de desenvolvemento, cun futuro cheo de expectativas, de esperanzas e de grandes posibilidades para o desenvolvemento socioeconómico de Galicia.


 

Biotecnoloxía-Xenética


Follas dunha planta de castaño transformada cun xene que
confire resistencia á enfermidade da tinta (dereita) e non
transformada (esquerda).
(IIAG, CSIC, Santiago de Compostela)

A biotecnoloxía é unha área multidisciplinar que se refire a toda aplicación tecnolóxica que utilice sistemas biolóxicos e organismos vivos ou os seus derivados para a creación ou modificación de produtos ou procesos para usos específicos (Convention on Biological Diversity, Article 2. Use of Terms, United Nations. 1992).

A biotecnoloxía ten aplicacións en ambientes mariños e acuáticos. A acuicultura é un bo exemplo, pero tamén a cosmética e os produtos farmacéuticos e alimentarios. (Biotecnoloxía azul).

Tamén ten aplicacións de interese na industria, por exemplo para producir materiais biodegradables e biocombustibles ou utilizando encimas ou microorganismos en procesos industriais para producir produtos químicos ou para destruír contaminantes.. (Biotecnoloxía branca).

A agricultura é outro campo no que a Biotecnoloxía ten importantes aplicacións. Casos significativos son a utilización da enxeñaría xenética para obter plantas resistentes a pragas e enfermidades e a produción de plantas transxénicas. (Biotecnoloxía verde).

Finalmente, hai que citar os procesos médicos, como un campo no que a Biotecnoloxía xoga un papel especial. A produción de antibióticos, o desenvolvemento de vacinas, a produción de novos fármacos e o desenvolvemento da enxeñaría xenética para curar enfermidades, a través das terapias xénicas, son bos exemplos diso. (Biotecnoloxía vermella).

Sen dúbida, a Biotecnoloxía, polo menos nalgunhas das súas múltiples proxeccións, é unha área na que cabe esperar grandes achegas ao desenvolvemento económico e social de Galicia.

 

 

Tecnoloxías da Información e as Comunicacións

As Tecnoloxías da Información e as Comunicacións constitúen outra grande área con importantes perspectivas de futuro.

Por unha parte están os teléfonos celulares, hoxe xa dispositivos multifunción, así como os comprimidos e os ordenadores portátiles, que cada vez son máis potentes, máis lixeiros e máis baratos. Por outra parte, as conexións de banda ancha que se estenden e se reforzan. Finalmente, o aloxamento de software e de contidos en grandes servidores remotos, computación na nube (internet), que fai posibles a súa utilización compartida vía internet.

Todo iso permite imaxinar unha situación na que todo -domicilios, colexios, universidades, negocios, oficinas etc., etc. - se conecten a internet en banda ancha, a través das súas unidades locais, dando acceso ao software e aos contidos na "nube". Deste modo, as unidades locais libéranse de software e contidos -televisión, xornais, revistas, cine, etc. - facilítase o seu aluguer polos usuarios, poténciase a telepresenza 3D, pódense potenciar as redes sociais e, en xeral, ábrense múltiples posibilidades.

Neste contexto enténdense as cinco predicións que, para os próximos cinco anos, fixo IBM. Trátase dunha revolución educativa, a través da dixitalización das aulas; da potenciación do comercio minorista, combinando a compra en local coa información "online"; a mellora das terapias, se os médicos poden dispoñer ao instante do ADN dos pacientes; a mellora da seguridade, mediante a actuación dun titor dixital capaz de detectar ao instante calquera síntoma de anormalidade; finalmente a "smartcity", como unha guía "online" de todas as posibilidades e de todo o que sucede no ámbito do usuario.

Entramos no que puidésemos chamar a economía dixital, con múltiples e importantes posibilidades para o desenvolvemento socioeconómico de Galicia.

Cabe destacar que estas tres grandes áreas tecnolóxicas interaccionan entre si. Por exemplo, as Nanotecnoloxías teñen moito que ver cos avances nas Tecnoloxías da Información e as Comunicacións e estas coa Biotecnoloxía, sobre todo no que se refire á enxeñaría xenética.