A Universidad Nacional de Córdoba (UNC) e a súa facultade de Ciencias Químicas entregáronlle o título de Doutora Honoris Causa á académica María José Alonso “por su trayectoria académica y sus avances en el desarrollo de terapias innovadoras basadas en nanotecnología farmacéutica”.

“María José Alonso ha demostrado que la innovación con propósito puede ser una herramienta de equidad y bienestar. Su liderazgo abrió puertas a mujeres científicas en todo el mundo, promoviendo la igualdad de oportunidades y el acceso equitativo a los espacios de decisión en la ciencia y la tecnología”, sostivo Santiago Palma, secretario de Innovación y Vinculación Tecnológica da UNC e impulsor deste recoñecemento como docente e investigador da facultade de Ciencias Químicas.

Na actualidade, a catedrática de Farmacia e Tecnoloxía Farmacéutica da Universidade de Santiago orienta a súa liña de investigación ao desenvolvemento de sistemas de liberación dirixida de fármacos e vacinas. Neste campo destacan os seus traballos sobre terapias personalizadas para o tratamento do cancro e enfermidades autoinmunes, o que a converte nunha referente internacional da nanomedicina.

Ao longo da súa carreira, publicou máis de 320 artigos científicos, dirixiu máis de 50 teses de doutoramento e obtivo multitude de premios e recoñecementos pola súa contribución á ciencia. A súa dilatada traxectoria convértena nunha das investigadoras máis citadas en España, con máis de 40.000 citas e un índice H de 104.

Así mesmo, é coinventora de máis de 20 patentes, moitas das cales foron empregadas pola industria farmacéutica internacional e derivaron na creación de empresas con impacto clínico. Os seus proxectos foron financiados por organismos como a Organización Mundial da Saúde (OMS), a Comisión Europea ou a Fundación Bill & Melinda Gates, entre outros.

“La doctora María José Alonso Fernández ha trabajado incansablemente en mejorar los medicamentos, buscando alternativas de encapsulación, evaluando diferentes vías de administración y ensayando una gran variedad de compuestos. Desde su vida académica ha estimulado la participación de los más jóvenes promoviendo el trabajo multidisciplinar y en equipo”, destacou a decana da universidade arxentina, Silvia Correa.

A catedrática impartiu a conferencia “Hacia un nuevo paradigma terapéutico: la era de la nanotecnología farmacéutica”. Resaltou que o mundo atravesa un cambio no xeito de abordar a saúde. “A maioría das enfermidades tratámolas desde a sintomatoloxía, non desde a orixe. Agora, abordamos as causas, e iso é algo excepcional”. Puxo de relevo que “na actualidade, o deseño das nanopartículas realízase considerando a natureza do fármaco e as barreiras biolóxicas, as cales deben superarse para lograr eficacia e seguridade terapéutica”.

Share This