A académica Marisol Soengas, referente internacional na loita contra o melanoma, vén de ser investida Doutora Honoris Causa pola Universidade da Coruña. Na súa intervención, titulada “Baixar á acción no cancro: desde a investigación ata a empresa e a sala de tratamento”, salientou que “unha das grandes satisfaccións na miña traxectoria profesional é ver os resultados do laboratorio estenderse máis alá das publicacións científicas”.
Soengas incidiu no papel da ciencia, para o que recuperou a frase do neno Balbino de Neira Vilas “nós vimos ao mundo cunha alforxa de preguntas”. Esta idea describe moi ben “o que nos distingue en ciencia, porque son as preguntas que escollemos e como as abordamos, pero, sobre todo, como as imos renovando, as que nos fan avanzar no eido científico” -remarcou-.
A doutora destacou a necesidade de reivindicar que “os pacientes non se sintan desamparados por falta de información. Non abonda con avanzarmos en investigación, cómpre, tamén, garantir un acceso máis rápido aos tratamentos. Na actualidade é posible secuenciar completamente un tumor, e estanse desenvolvendo distintas tecnoloxías para un diagnóstico molecular máis preciso. Pero, estes avances non están chegando ao paciente por razón de custo e por falta de infraestruturas. Resolver estas barreiras require afouteza, pero aquí como esforzo colectivo”.
Soengas concluíu poñendo de relevo que “a ciencia non é patrimonio exclusivo da comunidade investigadora. É un valor colectivo. Defendela significa contribuír a mellorar a cantidade e a calidade de vida en beneficio de toda a sociedade”.
Unha traxectoria dedicada á investigación do melanoma
Tras doutorarse baixo a dirección de Margarita Salas no Centro de Bioloxía Molecular Severo Ochoa e desenvolver unha destacada traxectoria investigadora nos Estados Unidos, Marisol Soengas regresou a España en 2008 para liderar o Grupo de Melanoma do Centro Nacional de Investigacións Oncolóxicas (CNIO). Os seus traballos contribuíron de maneira decisiva a avanzar no coñecemento dos mecanismos moleculares do melanoma, a identificar novas dianas terapéuticas e a impulsar a medicina translacional, con resultados publicados nas revistas científicas máis prestixiosas e recoñecidos internacionalmente.
Ao longo da súa carreira recibiu numerosos premios e distincións polo seu labor científico, emprendedor e divulgador, entre eles o María Josefa Wonenburger Planells, o Carmen y Severo Ochoa de Investigación en Bioloxía Molecular ou o Fernández Latorre. Ademais da súa excelencia investigadora, destaca polo seu compromiso coa transferencia do coñecemento, o apoio ás persoas con cancro, a defensa da investigación biomédica e a promoción do talento novo e da igualdade na ciencia.