A RAGC continúa cos actos de homenaxe ao químico Fernando Calvet, “Científico Galego 2025”. Esta mañá presentouse na facultade de Química da Universidade de Santiago -onde o homenaxeado foi profesor- o libro “Fernando Calvet i Prats. Modernizador da química e promotor da industria farmacéutica en Galicia”. Nesta publicación, coeditada pola RAGC e o Consello da Cultura Galega, faise un repaso pola traxectoria profesional e vital deste visionario. Ao evento asistiron o presidente da RAGC, Juan Lema; a secretaria do Consello da Cultura Galega, Elena Vázquez; a vicerreitora de Política Científica da USC, Pilar Bermejo; e o vicedecano da facultade de Química, Pedro Rodríguez.
A publicación conta con limiares do presidente da Real Academia Galega de Ciencias, que se refire ao homenaxeado como “un espírito moderno, que simboliza unha Galicia posible: científica, cosmopolita, solidaria, industrial e libre”; da presidenta do Consello da Cultura Galega, que fala de “unha figura excepcional en tempos excepcionais, comprometido co coñecemento e a súa transferencia á industria, convencido da capacidade da ciencia para transformar un territorio e mellorar a vida da comunidade”; e do coordinador da publicación, o académico da RAGC Pedro Merino.
O libro inclúe artigos de Ricardo Gurriarán, doutor en Historia Contemporánea pola USC; Joan Cuscó, profesor da Universitat de Barcelona; os académicos da RAGC Manuel Freire e Luís Castedo; os membros da Real Academia de Farmacia de Galicia Francisco Díaz-Fierros e Manuel Puga; o presidente de Zelnova e do Grupo Zendal, Pedro Fernández; Xosé L. Pastoriza, doutor en Filosofía da USC; e a xerente de Bioga, Loli Pereiro.
No transcurso do evento celebrouse unha mesa redonda na que participaron varios dos autores da publicación, destinada a valorar o traballo e o impacto de Fernando Calvet no desenvolvemento da química en Galicia e na súa aplicación á industria. Estiveron Pedro Merino, Manuel Freire e Francisco Díaz-Fierros.
Tal como sinala o coordinador da publicación, “Calvet foi un científico nacido en Cataluña, quen, malia desenvolver tan só unha pequena parte da súa vida en Galicia -pois chegou procedente da Universitat de Barcelona en 1929, con tan só 26 anos, e marchou quince anos despois-, deixou unha fonda pegada na nosa sociedade polo seu impulso á investigación química na Universidade de Santiago e polo seu papel decisivo na creación dunha industria química e farmacéutica galega, a pesar dos angustiosos momentos que tivo que vivir debido á Guerra Civil e a posguerra”. Merino lembra que, como catedrático de Química Orgánica e Bioquímica da USC, promoveu a montaxe dun laboratorio na facultade de Ciencias da universidade compostelá e, coa axuda dun pequeno equipo de colaboradores, comezaron a facerse en Galicia as primeiras sínteses de produtos orgánicos con métodos e teorías que estaban á altura dos mellores centros de investigación europeos.
Pedro Fernández, presidente do Grupo Zendal: “Galicia non sería o que é no mapa biofarmacéutico europeo sen a súa audacia e empeño por industrializar a ciencia”
No tempo que viviu en Galicia, Calvet compaxinou o seu labor docente coa súa actividade investigadora no Instituto Bioquímico Miguel Servet e, posteriormente, en 1939, como un dos impulsores e director científico da empresa Zeltia. Tal como destaca no libro o presidente do Grupo Zendal, Pedro Fernández, “Calvet non só foi un científico brillante; foi un visionario que entendeu antes que ninguén que o coñecemento aplicado podía ser motor de desenvolvemento para unha terra con talento, pero sen estruturas. Hoxe, cando empresas como Zendal lideran o panorama biofarmacéutico internacional desde Galicia, a súa figura emerxe con máis forza que nunca: foi el quen puxo a primeira pedra”.
Fenández incide no feito de que nun tempo en que o termo «biotecnoloxía» apenas se coñecía, Calvet xa utilizaba derivados orgánicos na creación de solucións sanitarias. “O seu legado non só foi empresarial, senón tamén humano: xerou comunidade científica, impulsou redes e dotou de sentido estratéxico a presenza de Galicia no mapa nacional da investigación. Galicia non sería o que é no mapa biofarmacéutico europeo sen a súa audacia e o seu empeño por industrializar a ciencia” -salienta o presidente de Zendal-.
Comprometido con Galicia
No libro ponse de relevo que as actividades de Fernando Calvet non se limitaron ao campo científico-tecnolóxico, senón que tamén se mergullou na sociedade galega e mesmo mantivo unha certa actividade política. Así, ademais de ser socio protector e colaborador económico no mantemento do Seminario de Estudos Galegos, actuou como representante catalán no Consello Galego de Galeuzca, foi un dos asinantes do manifesto dos intelectuais galegos a favor do Estatuto de Autonomía de Galicia en 1933 e participou na redacción do Estatuto da Universidade de Santiago de Compostela.