A RAGC e a Deputación de Lugo, coa colaboración do Campus Terra da Universidade de Santiago, celebran as “XXXVII Xornadas Luis Asorey”, centradas nesta edición na medicina natural. Desenvolveranse do 9 ao 23 de novembro no salón de actos da Deputación de Lugo (rúa San Marcos, 8), en horario de 19:00 a 21:00 horas. A inscrición neste ciclo, no que tamén se pode participar de xeito online, é gratuíta.
O coordinador desta iniciativa é Antonio Rigueiro, doutor enxeñeiro de montes, catedrático emérito da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría de Lugo, presidente da Asociación Forestal de Galicia e académico da RAGC. Salienta que “seguindo a tradición de que as xornadas Luis Asorey se centren en temáticas relacionadas co Campus Terra. Abordaremos temas de interese para profesores, estudantes e egresados pero tamén para a cidadanía en xeral, pois todos estamos preocupados pola saúde e a medicina natural foi ganando adeptos nas últimas décadas”.
Rigueiro explica que “a medicina natural ou naturopatía engloba un conxunto de terapias complementarias que buscan estimular a capacidade curadora do corpo. Emprégase como complemento á medicina convencional para mellorar o benestar xeral, fortalecer o sistema inmune, reducir o estrés, mellorar hábitos de vida e tratar molestias leves, aliviar procesos crónicos ou reducir os efectos non desexados dalgúns tratamentos agresivos, debendo partir sempre dun diagnóstico médico previo”.
O coordinador indica que estas xornadas centraranse nalgunhas terapias naturais para as que hai evidencias científicas dos seus efectos positivos, como a hidroterapia -promovida polos servizos de saúde dalgúns países europeos-, a fitoterapia, a micoterapia ou os baños de bosque. Así mesmo, prestaráselle atención ás algas mariñas como importante fonte de medicamentos. Tamén se afondará no radón, un gas radiante con importante presenza en Galicia, especialmente onde abundan as rochas graníticas, considerado na actualidade como a segunda causa, despois do tabaco, do cancro de pulmón a nivel mundial.
Programa das xornadas
A primeira conferencia deste ciclo -luns 9- impartiraa o catedrático Antonio Rigueiro e versará sobre a fitoterapia, centrándose nos efectos beneficiosos de plantas medicinais recoñecidas pola Axencia Europea do Medicamento. O día 10, o doutor Juan Gestal, director da Cátedra de Hidroloxía Médica USC-Balnearios de Galicia, abordará o valor terapéutico da cura balnearia.
A semana seguinte, o luns 16 de novembro, contarase coa participación do doutor en Veterinaria Julián Alonso, presidente da Sociedade Micolóxica Lucus, que explicará as evidencias científicas da micoterapia. A xornada do martes 17 xirará en torno ao potencial medicinal dos compostos mariños das microalgas da man de Luis Botana, catedrático de Farmacoloxía, Farmacia e Tecnoloxía Farmacéutica da Universidade de Santiago. O mércores 18, a doutora Lucía Martín, profesora da área de Medicina Preventiva e Saúde Pública da USC, investigadora do Laboratorio de Radón de Galicia (CRETUS-USC), afondará na exposición ao gas radón e o seus efectos sobre a saúde. O xoves 19, a enxeñeira de montes Mercedes Rois, creadora do espazo de benestar Raíces – Reconecta contigo, incidirá nos chamados “baños de bosque” como unha práctica natural para mellorar a nosa saúde.
O ciclo pecharase o luns 23 de novembro. Rosa Romero, profesora de Produción Vexetal do Campus Terra da Universidade de Santiago, achegarase ao cultivo e comercialización de plantas medicinais.