A RAGC celebrou no compostelán Pazo de San Roque o acto de ingreso da paleoantropóloga María Martinón Torres (Ourense, 1974) como académica correspondente da sección de Bioloxía e Ciencias da Saúde da institución. Na actualidade é directora do Centro Nacional de Investigación sobre la Evolución Humana (CENIEH) e codirectora das escavacións de Atapuerca. É un referente internacional no campo da paleoantropoloxía e a evolución humana.

O presidente da RAGC, Juan Lema, abriu o acto, ao que asistiron outros académicos; o conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, Román Rodríguez; a conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García; a vicerreitora de Política Científica da Universidade de Santiago, Pilar Bermejo; a presidenta do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez; xunto a diversos representantes de institucións políticas, culturais, científicas e académicas galegas.

O presidente puxo de relevo o xeito da nova académica de entender a ciencia “non só como profesión, senón como compromiso vital co coñecemento e coa sociedade”. Nesta liña, destacou “o seu compromiso e a súa capacidade para comunicar a ciencia ao gran público”. En relación ao seu campo de estudo, sinalou que “a investigación sobre a evolución humana permítenos comprender mellor o noso camiño colectivo e entender que a historia da humanidade é a historia dunha diversidade que se transforma e se adapta ao longo do tempo. Por iso o estudo da evolución humana é unha forma de comprender mellor quen somos.”

“Incorporamos a unha investigadora de prestixio internacional, pero tamén a unha científica que entende a evolución humana como unha ferramenta para interpretar o presente e pensar o futuro, combinando coñecemento rigoroso cunha profunda sensibilidade humanista” -remarcou Lema-.

Martinón: “Atapuerca é un tesouro singular para estudar a orixe da compaixón, a vulnerabilidade, a resiliencia e a complexidade dos vínculos humanos”

No seu discurso de ingreso, a doutora reflexionou sobre a natureza humana desde a Medicina e a evolución, “dúas disciplinas que, ao dialogar, permiten abordar unha das preguntas máis antigas e persistentes: que nos define realmente como especie?”. A esta cuestión responde que, “lonxe das visións simplificadoras que presentan ao ser humano como esencialmente bo ou irremediablemente violento, a investigación científica foi revelando unha imaxe máis complexa da nosa natureza”. Nesta liña, puxo de relevo que “o rexistro fósil, a bioloxía evolutiva e a Medicina permiten observar como cooperación e conflito conviviron desde moi antigo na historia da nosa especie. A evolución non resolveu a tensión entre o ben e o mal, senón que a incorporou como parte da nosa esencia”.

A través de restos fósiles procedentes dos xacementos da serra de Atapuerca, a nova académica ilustrou como a tensión entre o comportamento prosocial e a individualidade acompañaron á liñaxe humana desde as súas orixes. “Os restos humanos conservan pegadas tanto de violencia interpersoal como de coidado prolongado cara a individuos vulnerables, o que permite reconstruír non só a bioloxía, senón tamén as dinámicas sociais dos nosos antepasados. Neste sentido, Atapuerca preséntase como un laboratorio privilexiado, un tesouro singular para estudar e comprender a orixe da compaixón, a vulnerabilidade, a resiliencia e a complexidade dos vínculos humanos” -manifestou-.

Na súa intervención Martinón destacou o papel do coñecemento científico como forma de enfrontarse á incerteza propia da condición humana. “Fronte á vulnerabilidade, a enfermidade ou a conciencia da morte, a ciencia non ofrece solucións definitivas, pero si marcos de comprensión que transforman a nosa relación con eses límites. Así, a ciencia non elimina a incerteza, pero permítenos comprendela e habitar o presente con maior lucidez”.

A partir desta mirada ampla sobre o pasado humano, a investigadora expuxo unha idea central: “o ser humano non se define pola ausencia de contradicións, senón pola súa capacidade para xestionalas”. Así, sinalou que “nun mundo marcado pola incerteza, comprender quen somos grazas á evidencia científica acumulada durante millóns de anos, é unha das ferramentas máis poderosas para orientármonos no presente”. Dende esta perspectiva, reivindica un optimismo científico baseado no coñecemento: “Canto mellor entendemos quen somos, máis conscientes somos do que poderiamos chegar a ser” -concluíu-.

Ángel Carracedo, académico e exprofesor da homenaxeada: “A súa ilusión xa de estudante era Atapuerca”

O encargado de realizar a laudatio foi o académico Ángel Carracedo, catedrático de Medicina Legal da Universidade de Santiago, director da Fundación Pública Galega de Medicina Xenómica. “Levo dando clases na facultade de Medicina da USC desde o ano 1978, de xeito que pasarían polas miñas mans algo máis de 20.000 alumnos, e, se tivese que quedar cun deles, sen dúbida sería con María” -afirmou-. Lembra que a homenaxeada, logo de obter o premio extraordinario de fin de carreira, incorporouse ao seu laboratorio para aprender xenética de poboacións humanas. El foi o seu codirector de tese, que se centrou na análise evolutiva dos dentes dos homínidos do Pleistoceno da Serra de Atapuerca. Logo especializouse en Evolución Humana na Universidade de Bristol, que completou con estudos de Antropoloxía Forense na Universidad Complutense de Madrid e de Estatística na Politécnica.

“A súa ilusión xa de estudante era Atapuerca e, xa con esa bagaxe formativa, comezou a traballar no CENIEH, onde iniciou unha carreira imparable que a levou ao máis alto da súa especialidade. En pouco tempo converteuse en investigadora principal do Grupo de Antropoloxía Dental do centro, onde constituíu un equipo de investigación recoñecido internacionalmente como referente no campo da paleoantropoloxía dental, pioneiro na aplicación de técnicas de morfometría ao estudo dos dentes” -destacou Carracedo-.

 

Share This