A Real Academia Galega de Ciencias quere transmitir o seu fondo pesar polo pasamento do seu académico Juan Ramón Sanmartín Losada. Físico e enxeñeiro aeronáutico, tivo unha das traxectorias científicas máis brillantes e recoñecidas do ámbito aeroespacial español.

Formado entre España e Estados Unidos, foi Premio Nacional Fin de Carreira en 1965, doutor enxeñeiro aeronáutico pola Universidade Politécnica de Madrid e doutor en Enxeñaría Aeroespacial pola Universidade de Colorado. Foi investigador asociado na Universidade de Princeton e no Massachusetts Institute of Technology, ademais de profesor visitante nos dous centros.

En España traballou no Instituto Nacional de Técnica Aeroespacial (INTA) e foi profesor na Escola Técnica Superior de Enxeñeiros Aeronáuticos da Universidade Politécnica de Madrid, onde obtivo a Cátedra de Física en 1974 e foi profesor emérito desde 2011.

As súas investigacións ían desde a física de plasmas e a fusión termonuclear por confinamento inercial ata fenómenos físicos singulares como o movemento do botafumeiro da catedral de Santiago, cuxas ecuacións resolveu en 1984. Pero o seu nome quedou ligado especialmente á tecnoloxía de amarras espaciais. En 1991 introduciu o concepto de bare tether, un avance decisivo para o desenvolvemento de sistemas destinados á recuperación de satélites e á redución do lixo espacial. A Axencia Espacial Europea (ESA) aprobou en 1993 o seu primeiro experimento de demostración, ao que seguirían varios proxectos internacionais coa NASA, a ESA e a Comisión Europea.

Todos os membros da Academia lamentan moi sinceramente o seu pasamento.

 

Share This