A RAGC celebrou no Salón Nobre do Colexio de Fonseca o acto do Día da Ciencia en Galicia, no que se homenaxeou ao químico Fernando Calvet i Prats (Vilafranca del Penedès, Barcelona, 1903 – Barcelona, 1988) como ‘Científico Galego 2025’. Ao evento, presidido polo reitor da Universidade de Santiago, Antonio López, asistiron o presidente da RAGC, Juan Lema; a alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín; o secretario xeral da Lingua, Valentín García; a directora de Gain, Carmen Cotelo; o director da Axencia Galega de Coñecemento en Saúde (ACIS), Antonio Fernández-Campa; o subdelegado do Goberno na Coruña, Julio Abalde; o reitor da Universidade de Vigo, Manuel J. Reigosa; o reitor da Universidade da Coruña, Ricardo Cao; a secretaria do Consello da Cultura Galega, Elena Vázquez; a delegada do CSIC en Galicia, Carmen González; o presidente da Real Academia de Farmacia de Galicia, Ángel Concheiro; así como académicas e académicos da RAGC e representantes de diversas institucións políticas, científicas, educativas, culturais e de investigación galegas.
Juan Lema: “Nun mundo marcado polos conflitos e a polarización, a ciencia debe seguir sendo un espazo de razón, diálogo e defensa da dignidade humana”
O presidente da Academia destacou que “Fernando Calvet encarna a Galicia que investiga, innova e crea riqueza dende o coñecemento e o compromiso co país. O seu exemplo amósanos que a ciencia non pode permanecer illada; debe dialogar co territorio e cos sectores produtivos, poñerse ao servizo do país. Tiña a capacidade de converter recursos humildes en riqueza, de transformar o coñecemento en innovación e a innovación en desenvolvemento. Xa nos anos trinta formulaba propostas que anticipaban conceptos actuais como a economía circular, convencido de que Galicia podía aproveitar con intelixencia os seus recursos naturais para crear valor engadido. A súa traxectoria transmítenos que a ciencia é a base para crear riqueza sostible, xerar emprego de calidade e construír unha sociedade máis libre e máis xusta”. Nesta liña, puxo de relevo que “nun mundo marcado polos conflitos e a polarización, a ciencia debe seguir sendo un espazo de razón, diálogo e defensa da dignidade humana”.
En relación á entrega das Medallas de Investigación da RAGC, Juan Lema salientou que “son os premios máis prestixiosos da ciencia en Galicia. O seu valor vén dado pola excelencia, a humanidade e o compromiso das persoas premiadas, que co seu traballo engrandecen a ciencia galega e proxéctana no mundo”.
Durante o evento proxectouse un vídeo no que se aborda a traxectoria vital e profesional do homenaxeado. E presentouse a revista da Academia “A Ciencia en Galicia”, dedicada neste número a Fernando Calvet, e na que se recolle ademais a principal actividade da Academia e os fitos científicos máis relevantes no último ano na nosa comunidade.
Manuel Freire: “Calvet foi o pioneiro da biotecnoloxía en Galicia”
Manuel Freire, catedrático de Bioquímica e Bioloxía Molecular da USC e académico da RAGC, impartiu unha conferencia, na que se referiu ao homenaxeado como “pioneiro da bioquímica en España e promotor da biotecnoloxía en Galicia”, onde permaneceu dende 1929 ata 1945. Lembou que en xaneiro de 1929, con 26 anos, gaña a cátedra de Química Orgánica e Bioquímica da facultade de Ciencias da Universidade de Santiago, situada no actual edificio da facultade de Xeografía e Historia. Dotou o seu laboratorio dun equipo para realizar análises elementais de moléculas orgánicas, un instrumento do que poucas universidades en España dispoñían, o que lle permitiu realizar traballos para outros laboratorios.
“O fito que marcaría o futuro do seu labor científico en Galicia foi a súa relación co Instituto Bioquímico Miguel Servet de Vigo, dedicado á obtención de produtos farmacéuticos a partir de extractos vexetais e de tecidos animais. Naqueles anos, o instituto estaba interesado na obtención de alcaloides a partir do cornizó do centeo, un fungo parasito da espiga dese cereal. O extracto deste fungo contiña unha mestura de alcaloides de interese para o control de hemorraxias e para tratar a xaqueca. Fernando Calvet puxo a punto o procedemento para obter estes alcaloides, o que supón o nacemento da biotecnoloxía en Galicia” -manifestou Freire-.
Freire explicou que “logo de pasar polo cárcere durante a Guerra Civil, incorporouse ao recén creado complexo biotecnolóxico de Zeltia no Porriño. O período no que foi o seu director científico -de 1939 a 1945- é cando se pode considerar que naceu a biotecnoloxía de interese farmacolóxico en Galicia. Os tecidos animais procedentes dos matadoiros, así como de diferentes plantas da flora galega, serían utilizados nos procesos de obtención e purificación dos compoñentes de interese farmacéutico, con protocolos deseñados por Calvet e os seus colaboradores nos laboratorios de Zeltia. É o caso da insulina, obtida do páncreas do porco. Fabricaron, ademais, produtos con propiedades insecticidas e antiparasitarias como o popular ZZ”.
Entrega das Medallas de Investigación de Galicia
No transcurso do evento entregáronse as Medallas de Investigación de Galicia que concede a RAGC. As persoas distinguidas este ano foron, en Bioloxía e Ciencias da Saúde, Francisco J. Blanco, referente internacional no campo da Reumatoloxía, catedrático da Universidade da Coruña, investigador do CICA -Centro Interdisciplinar de Química e Bioloxía da UDC-, recoñecido por aplicar tecnoloxías computacionais avanzadas para personalizar o diagnóstico e o tratamento das doenzas reumáticas. Laura Carballo, catedrática de Dereito Internacional Privado da Universidade de Vigo e decana da facultade de Relacións Internacionais, especialista en Dereito laboral marítimo internacional, comprometida coa mellora das condicións dos traballadores do mar, recibiu a medalla da sección de Ciencias Económicas e Sociais. Juan María Pou, catedrático de Física Aplicada da UVigo, centrado na aplicación do láser na industria, a saúde e a sostibilidade, foi o galardoado en Ciencias Técnicas. Nieves R. Brisaboa, catedrática de Ciencias da Computación da UDC, descada investigadora do CITIC -Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións da UDC-, experta en algoritmos e no procesamento de grandes volumes de datos, foi recoñecida no eido das Matemáticas, Física e Ciencias da Computación. Mª Carmen Veiga, catedrática de Enxeñaría Química da UDC, investigadora do CICA, recibiu a medalla da sección de Química e Xeoloxía polos seu traballos no tratamento de augas residuais, valorización de residuos sólidos e depuración de efluentes gasosos mediante procesos biotecnolóxicos sostibles.