A RAGC celebrou no Pazo de San Roque de Santiago o acto de entrega dos Premios á Transferencia de Tecnoloxía en Galicia, o Premio de Xornalismo Científico Celia Brañas -convocados coa colaboración da Axencia Galega de Innovación- e o Premio de Divulgación Científica.

Ao evento asistiron o conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, Román Rodríguez; a directora da Axencia Galega de Innovación (GAIN), Carmen Cotelo; o subdelegado do Goberno na Coruña, Julio Abalde; a reitora da Universidade de Santiago, Rosa M. Crujeiras; o vicerreitor de Investigación e Transferencia da Universidade da Coruña, Jerónimo Puertas; a presidenta do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez; e a vicepresidenta da RAGC, Alicia Estévez; entre outras autoridades e representantes do eido científico, cultural e académico da nosa comunidade.

Na súa intervención, a vicepresidenta da RAGC puxo de relevo “a elevada calidade” das candidaturas presentadas aos diferentes premios. Na súa intervención salientou que “a ciencia e a tecnoloxía xogan un papel clave e indiscutible como motores do desenvolvemento económico dun país, polo que comunicar os descubrimentos e avances científicos e as súas aplicacións á sociedade é unha prioridade. Por iso, os investigadores e os medios de comunicación deben estreitar lazos para afrontar o gran volumen de desinformación que nos rodea e contribuír dun xeito decisivo á construción e consolidación da sociedade do futuro”.

Un fármaco para o tratamento do ictus, que afecta cada ano a 7.000 persoas en Galicia

Os Premios á Transferencia de Tecnoloxía en Galicia comprenden dúas categorías, premiadas con 5.000 euros cada unha. O premio “Francisco Guitián Ojea” a un traballo de investigación aplicada recaeu no proxecto que busca mellorar o tratamento do ictus isquémico, do Grupo Ictus Translacional do Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago (IDIS), liderado por Francisco Campos. Desenvolveron un novo fármaco orientado a protexer o tecido cerebral danado tras un ictus, co obxectivo de reducir a extensión da lesión e mellorar a calidade de vida dos afectados. Desde o punto de vista médico, o seu impacto é moi significativo, xa que axuda á recuperación funcional dos pacientes, reduce a discapacidade asociada ao ictus e amplía o número de persoas que poden beneficiarse dun tratamento eficaz. Nesta liña, máis de 7.000 persoas sofren un ictus en Galicia cada ano, sendo a principal causa de discapacidade permanente na idade adulta e a segunda de demencia. O alto envellecemento poboacional posiciona a nosa comunidade entre as cinco con maior incidencia de ictus en España.

O investigador destacou que “a transferencia de tecnoloxía é esencial para que os avances científicos non queden no laboratorio, que se convertan en solucións concretas que melloren a saúde e a calidade de vida das persoas. Neste sentido, este proxecto busca situar a Galicia como un referente en investigación biomédica translacional no campo do ictus cerebral”.

Unha tecnoloxía que dixitaliza o selado das latas de conserva

O premio “Fernando Calvet Prats” a un caso de éxito de transferencia de tecnoloxía a unha empresa foi para o Grupo de Control non Liñal da Escola de Enxeñaría Industrial da Universidade de Vigo, coordinados por Miguel Díaz-Cacho. Desenvolveron unha tecnoloxía que permite a dixitalización e control do proceso de selado das latas na industria alimentaria, que ata o de agora era manual. Lógrase así aumentar a produción, mellorar os controis de calidade, aforrar material selante, evítase desperdiciar millóns de tapas, e as posibles anomalías na produción poden resolverse de xeito automático e remoto. Esta tecnoloxía transferiuse á empresa Actega Artística, con sede no Porriño, dedicada ao deseño e fabricación de compostos selantes para envases metálicos, en especial para o sector conserveiro.

“Este premio non é para min, nin para o equipo, nin sequera para a empresa, senón para toda Galicia nun dos sectores mais importantes da súa economía. Desenvolvemos unha tecnoloxía que supón un salto importantísimo na industria do selante de conservas e que ten o potencial de ser catalizador doutros avances en industrias similares. Así mesmo, é a validación de que os desenvolvementos científicos e tecnolóxicos poden romper a barreira do laboratorio para xerar un impacto real na sociedade” -remarcou Díaz-Cacho-.

Teresa Rocamonde: “O xornalismo científico é unha necesidade nesta era das redes sociais onde é tan doado difundir noticias falsas”

O Premio de Xornalismo Científico foi para a reportaxe “Os fármacos do centeo”de Teresa Rocamonde, emitida na Televisión de Galicia. Narra a historia dos primeiros fármacos elaborados na nosa comunidade con caruncho de centeo, para tratar afeccións como a migraña, o glaucoma ou as hemorraxias posparto. A xornalista recibiu unha dotación de 3.500 €. Na súa intervención, manifestou: “O xornalismo científico é unha obriga nesta era das redes sociais onde é tan doado difundir e dar credibilidade a noticias falsas, pseudociencia e teorías conspiradoras. Ademais de informar, permite promover o pensamento crítico para poder tomar mellores decisións individuais e colectivas”.

Outorgouse un accésit de 1.500 € á reportaxe “Así es el «Google Maps» de los cirujanos”de Cinthya Martínez e o cámara Alejandro López-Benito, publicada en La Voz de Galicia. Amosa como o equipo de impresión 3D do Instituto de Investigación Biomédica da Coruña (INIBIC) deseña modelos tridimensionais para planificar e optimizar intervencións cirúrxicas complexas. “Nunha sociedade na que proliferan os bulos, na que todo o mundo pode difundir ideas, sexan certas ou non, o xornalismo científico cobra cada vez máis importancia” -apuntou-.

Premio de Divulgación para o neurocientífico Xurxo Mariño

O Premio de Divulgación Científica foi para o neurocientífico Xurxo Mariño, investigador do grupo Neurocom da Universidade da Coruña, dedicado desde hai máis de tres décadas á difusión do coñecemento científico en Galicia, no resto de España e a nivel internacional, sobre temáticas que afectan á nosa vida cotiá. É colaborador habitual en xornais, dixitais, revistas como Muy Interesante, programas de radio como Julia en la Onda de Onda Cero ou de televisión como Órbita Laika de La2-TVE. Imparte conferencias para todos os públicos en lugares diversos, desde centros de ensino a centros penitenciarios. Desenvolve cafés-teatro científicos en bares de pequenas localidades e leva por toda España os seus shows divulgativos. Manifestou que “a divulgación da ciencia axuda a formar unha cidadanía con capacidade crítica sobre o funcionamento deste mundo, fundamental para poder tomar decisións ante realidades do noso día a día como as vacinas, a enerxía nuclear ou os alimentos transxénicos”. 

Share This