A RAGC celebrou no Pazo de San Roque de Santiago o acto de entrega dos Premios á Transferencia de Tecnoloxía en Galicia, o Premio de Xornalismo Científico Celia Brañas -convocados coa colaboración da Axencia Galega de Innovación- e o Premio de Divulgación Científica 2025.

Ao evento asistiron o secretario xeral de Universidades,José Alberto Díez de Castro; a vicerreitora de Divulgación, Cultura e Deporte da Universidade da Coruña, Mª Cristina Naya; a vicerreitora de Comunicación e Relacións Institucionais da Universidade de Vigo, Mónica Valderrama; a vicerreitora de Política Científica da Universidade de Santiago, Pilar Bermejo; a decana da facultade de Farmacia da USC, Reyes Laguna; e o presidente da RAGC, Juan Lema; xunto a outros representantes do eido científico, cultural e académico da nosa comunidade.

Na súa intervención, o presidente da RAGC manifestou que “os Premios á Transferencia de Tecnoloxía en Galicia son moito máis que unha distinción individual ou de grupo. Son unha declaración colectiva de futuro, unha aposta decidida por unha Galicia que cre na ciencia, que inviste na innovación, que valoriza o coñecemento, e que entende que só con transferencia real poderemos avanzar cara a unha sociedade máis xusta, máis saudable e máis sostible”. En relación ao Premio de Divulgación Científica, salientou que a Academia busca “recoñecer a persoas e entidades que se esforzan por fomentar as vocacións científicas e potenciar o aprecio da ciencia entre a poboación”. Por último, apuntou que co Premio de Xornalismo preténdese “incentivar a transmisión dos valores da ciencia á sociedade”.

Un material único con importantes aplicacións biomédicas

Os Premios á Transferencia de Tecnoloxía en Galicia comprenden dúas categorías, premiadas con 5.000 euros cada unha. O premio “Francisco Guitián Ojea” a un traballo de investigación aplicada recaeu no proxecto de produción sostible de materiais porosos estériles para aplicacións biomédicas, de investigadores do Grupo I+D Farma da Universidade de Santiago, liderados por Carlos García, encadrado na investigación predoutoral de María Carracedo. Desenvolveron aeroxeles -unha tecnoloxía emerxente de vangarda- e por primeira vez lograron que fosen estériles, o que representa unha gran dificultade debido á complexa nanoestructura do material. Trátase dunha solución industrial prometedora e viable tanto desde o punto de vista tecnolóxico como económico, xa que permite a integración de procesos coa consecuente redución de tempos de produción e custos, xunto a propiedades únicas para o material resultante. Este material está en fase de valorización tecnolóxica en colaboración con empresas galegas para a súa transferencia a diferentes usos biomédicos e alimentarios.

O investigador agradeceu o premio á Academia en nome do seu equipo: “Este galardón recoñece un proxecto que ofrece solucións avanzadas sostibles no campo biomédico. É o resultado do traballo colaborativo levado a cabo nos últimos dez anos entre investigadores da facultade de Farmacia-iMATUS (Instituto de Materiais), iARCUS (Instituto do Medio Acuático para unha Saúde Global) e CiMUS (Centro Singular de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas) da Universidade de Santiago”.

Unha nova terapia para abordar a obesidade

O premio “Fernando Calvet Prats” a un caso de éxito de transferencia de tecnoloxía a unha empresa foi para o grupo de investigación NeurObesity do Centro Singular de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas -CiMUS- da Universidade de Santiago. O equipo está coordinado por Miguel López, catedrático de Fisioloxía da USC e referente mundial no campo da obesidade e a neurociencia metabólica. A tecnoloxía premiada transferiuse a Gazella Biotech, unha nova firma biotecnolóxica fundada en Santiago en 2024 como spin-off da USC. A firma logrou importantes avances no desenvolvemento dunha nova terapia para abordar os mecanismos centrais que modulan o equilibrio enerxético, como unha alternativa de altísimo potencial para tratar a obesidade e as súas comorbilidades.

“Recibir este premio representa unha honra e un recoñecemento extraordinario ao compromiso e esforzo do noso equipo na transferencia de tecnoloxía orientada a un tratamento innovador para a obesidade. Este galardón destaca a relevancia de transformar o coñecemento científico en solucións concretas que impactan positivamente na saúde e calidade de vida das persoas. Impúlsanos a continuar traballando con rigor e paixón para avanzar na innovación biomédica e fortalecer a colaboración entre a investigación e o sector empresarial, contribuíndo así ao benestar social e ao progreso científico” -remarcou López-.

Lucía Cancela: “Cómpre apostar pola información científica de calidade”

O Premio de Xornalismo Científico Celia Brañas foi para a reportaxe “Trabajos del Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago descifran cómo todos los caminos llevan a la obesidad” de Lucía Cancela, publicada en “La Voz de la Salud” -o portal de saúde, benestar e nutrición de La Voz de Galicia-. Aborda as investigacións que se están a levar a cabo no IDIS para atopar os mecanismos que expliquen unha patoloxía tan complexa como é a obesidade e buscar solucións á mesma. Ademais, pretende rachar cos mitos que rodean a esta enfermidade e co estigma que padecen as persoas que a sofren. A xornalista recibiu unha dotación de 3.500 €.

Na súa intervención, a galardoada salientou: “Recibo este premio como un empuxón para seguir apostando pola información científica de calidade que ten a capacidade de ter un impacto nas nosas vidas. O xornalismo científico é máis importante que nunca, debe actuar como un filtro rigoroso ante o exceso de desinformación”.

Ademais, outorgouse un accésit de 1.500 € á reportaxe “Dentro del quirófano en un trasplante de corazón: «Ha sido casi perfecto cuando ha vuelto a latir»” de Uxía Rodríguez, publicada en “La Voz de la Salud” de La Voz de Galicia. Amosa, desde os quirófanos do Complexo Hospitalario Universitario da Coruña (CHUAC), non só a complexidade técnica dun transplante de corazón, senón tamén a súa dimensión humana. “Premios como este reforzan o valor do xornalismo que pon o foco na ciencia e nas historias humanas que hai detrás dos grandes fitos médicos. Nun momento no que a información circula a velocidade de vertixe, o xornalismo científico rigoroso e próximo é máis necesario que nunca para axudar á sociedade a comprender os avances que salvan vidas e os desafíos que aínda temos por diante” -manifestou-.

Premio de Divulgación Científica para Galiciencia

O Premio RAGC de Divulgación Científica 2025 foi para Galiciencia, a maior feira de ciencia e tecnoloxía que se celebra na nosa comunidade, dirixida a alumnado desde Primaria a Bacharelato. Promovida polo Parque Tecnolóxico de Galicia – Tecnópole, consolidouse como unha cita de referencia para a rapazada, que en cada edición presenta proxectos e solucións creativas e moi innovadoras vencelladas a temas de interese para o conxunto da sociedade como a saúde do planeta, a alimentación e os bos hábitos, a sostibilidade, as novas tecnoloxías… O director xerente de Tecnópole, Javier Taibo, agradeceu á Academia “este prestixioso recoñecemento, que nos chega nun momento moi especial para todo o equipo: o 20 aniversario de Galiciencia. Seguiremos promovendo incansablemente as carreiras STEM entre a mocidade galega”.

Share This