O académico da RAGC Aníbal Ollero Baturone, catedrático da Universidad de Sevilla e o investigador con máis artigos publicados a nivel mundial relacionados con vehículos aéreos non tripulados e robótica aérea, foi investido como Doutor Honoris Causa pola Universidad de Málaga. Actuou como padriño o catedrático de Enxeñaría de Sistemas e Automática da UMA Alfonso García Cerezo.
Aníbal Ollero é un referente mundial no campo da Robótica aérea. Actualmente dirixe o GRVC (Robotics, Vision and Control Research Laboratory), con máis de 75 membros da Escuela Técnica Superior de Ingeniería da Universidad de Sevilla. Tamén é director científico do Centro Avanzado de Tecnologías Aeroespaciales (CATEC), con máis de 130 compoñentes.
Investigación punteira no campo da robótica aérea
O seu grupo é líder en robótica aérea. Participou en máis de 190 proxectos de investigación e desenvolvemento, incluíndo 45 financiados pola Comisión Europea, así como outros auspiciados pola NASA, distintos programas nacionais de investigación (80) e outros rexionais. Ademais, foi investigador principal en máis de 50 contratos con industrias. Presentou resultados en máis de 900 publicacións, é autor ou coautor de 11 libros, e supervisou máis de 55 teses de doutoramento.
Ollero desenvolveu métodos, tecnoloxías e aplicacións en sistemas aéreos non tripulados, robótica, control e sistemas autónomos en xeral, incluíndo os primeiros robots intelixentes de ás batentes con capacidade de pousado e manipulación. Así mesmo, construíu robots aéreos con capacidade de locomoción terrestre para a inspección e o mantemento de infraestruturas, incluíndo liñas eléctricas e tubaxes elevadas.
Recibiu unha trintena de premios e distincións, entre os que destacan o Overall ICT Innovation Radar Award -que lle outorgou a Comisión Europea en 2017-, o Premio Rey Jaime I en Nuevas Tecnologías (2019) e o Premio Nacional de Investigación Leonardo Torres Quevedo en 2021.