Aida Fernández Ríos
Investigadora do IIM-CSIC
Profesora de Investigación do CSIC e doutora pola Universidade de Santiago de Compostela. Ingresou no Instituto de Investigacións Mariñas de Vigo (CSIC) en 1972, centro que dirixiu entre 2006 e 2011. Traballou na determinación do aumento do dióxido de carbono de orixe antropoxénico e no aumento da acidez na auga do mar, principalmente no Atlántico. Publicou máis de 100 traballos, 92 en revistas do SCI (Scientific Citation Index), con máis de 3000 citacións (índice h=25). Participou en máis de 50 conferencias internacionais e dirixiu 7 teses de doutoramento.
Ao longo da súa traxectoria participou en máis de 50 proxectos de investigación. Realizou estadías en centros de investigación estranxeiros, entre eles o James Rennell Center for Ocean Circulation de Southampton (Reino Unido), Brookhaven National Laboratory Associated Universities en Long Island (EEUU) ou o Laboratoire de Physique des Océans (CRNR-IFREMER-Université) en Brest (Francia).
Foi presidenta do Comité español de IGBP (Intenational Geosphere-Biosphere Programme) sobre cambio global entre 2005 e 2011. Foi Xefa Científica en 5 campañas oceanográficas, dun total de 30 campañas, 10 delas internacionais; realizadas nas rías, plataforma de Galicia, océanos Atlántico e Índico e Antártida.
Foi membro da Comisión Académica do Campus do Mar, do Comité Científico da Plataforma Oceánica de Canarias e do Conseil d’Orientation Strategique et Scientifique da flotte océanographique française. Ademais, foi punto focal en España do programa Global Ocean Ship-based Hydrographic Investigations Program.
Realizou tarefas como avaliadora tanto de proxectos e infraestrutura de convocatorias nacionais como de proxectos europeos, nacionais de Suecia e da NOAA en Estados Unidos, así como de proxectos de campañas oceanográficas de IFREMER en Francia. Revisora de artigos científicos en revistas como Deep-Sea Research, Journal Marine Systems, Journal of the Marine Biological Association of the United Kingdom, Marine Chemistry, Tellus ou Global Biogeochemical Cycles.
Recibiu o Premio “Galega destacada” na súa edición de 2001 pola súa traxectoria científica, concedido polo colectivo “Diálogos 90”.