O académico da RAGC Ángel Carracedo acaba de ingresar na Real Academia de Medicina de Cantabria como académico de Honra. Na súa toma de posesión, o investigador, un dos máximos referentes da xenética en España, abordou os avances no campo da Xenómica nos últimos vinte anos, nun discurso que titulou “Do Proxecto Xenoma Humano aos grandes proxectos poboacionais”.
Ángel Carracedo é catedrático de Medicina Legal da Universidade de Santiago, director da Fundación Pública Galega de Medicina Xenómica e presidente do Consello Científico Externo do Instituto de Investigación Sanitaria IDIVAL.
Cunha destacada traxectoria docente, de investigación e de innovación e transferencia en diversos campos relacionados coa Xenética Humana, o doutor Carracedo está moi vencellado ao Hospital Universitario Marqués de Valdecilla e á Facultade de Medicina da Universidade de Cantabria.