RETER O TALENTO, UNHA NECESIDADE PARA O PROGRESO

01/10/2014

RETER O TALENTO, UNHA NECESIDADE PARA O PROGRESO

A crise económica que padecemos está a afectar especialmente aos mozos, moitos dos cales veñen protagonizando un fenómeno social non desexado, coñecido como fuga de "cerebros".
Unha perda de capital humano, como a que estamos a comentar, é sempre prexudicial e representa un fracaso da sociedade, aínda que non todos os que se van teñan que ser necesariamente "cerebros". Representa a perda da forza creativa que sería necesaria para conducir o país pola senda do progreso.
É necesario reter o talento para alimentar o poder investigador e as capacidades creativa e inventora nas Universidades, nos Centros de I+D, nos Centros Tecnolóxicos e nas propias Empresas. Os mozos que se van, están chamados a garantir a xeración do coñecemento, así como a transferencia das súas aplicacións ao sector produtivo, nos próximos anos. No seu interior reside o coñecemento, a capacitación para amplialo, así como a destreza para desenvolvelo e aplicalo. Han de ser os transmisores do coñecemento que ha de dar vida a un sistema produtivo moderno e sostible, que garanta a prosperidade e o benestar social.
Se este fenómeno social prosegue, sen retorno, estaremos a cruzar unha liña vermella que nos desviará, de modo case irreversible, do camiño do progreso.
É necesario poñer moito rigor nas prioridades, ter a xenerosidade política de mirar a medio e longo prazo, e arbitrar medidas para recuperar, polo menos, os mellores dos que se van.

Engadir un novo comentario