Cara a un novo modelo de sistema produtivo

17/03/2014

Nos últimos tempos vénse falando con frecuencia -e ás veces con certa lixeireza- da necesidade de cambiar cara a un novo modelo de sistema produtivo, un modelo sostible no que a competitividade estea basicamente alimentada polo coñecemento. É un proceso lento, de seu, no que se van dando pasos, pero no que sería necesario incrementar o ritmo.

Hai, sen dúbida, moitos factores que fan difícil romper a inercia ao cambio: Poderíase dicir que os investigadores foxen un pouco da investigación aplicada, orientada ao sistema produtivo, porque lles é menos rendible dende o punto de vista académico; que moitos empresarios son excesivamente tradicionais e temerosos do cambio e/ou que teñen certo receo cara ao que pedisen achegar os investigadores; que os políticos prestan máis atención e apoio a aquelas iniciativas cuxos resultados se obteñen a prazo máis curto; que as mulleres e homes da piei pasan un pouco do tema, xa que están máis pendentes das cousas concretas que lle afectan día a día; e así un longo etcétera. A realidade é que a necesaria evolución cara a un sistema produtivo que nos faga máis competitivos e menos vulnerables ante unha situación de crise, camiña con demasiada lentitude.

Nesta breve nota, eu quixera formular un tema de fondo, que pode estar na base do problema. É a escasa mentalización social, respecto ao valor que hoxe ten o coñecemento para o desenvolvemento económico e social de Galicia. Parámonos a pensar que acontecería se as máis altas instancias do Estado, se os Gobernos da Nación e de Galicia, se os partidos políticos, os sindicatos, as institucións educativas, académicas e científicas, se os cidadáns da piei, se todos -a sociedade enteira-estivésemos efectivamente convencidos -e non só a nivel de slogan- de que o coñecemento incorporado á empresa é o único camiño que nos pode conducir ao grao de desenvolvemento e de benestar social que todos desexamos? Eu creo que o gran cambio cultural, que este nivel de consciencia supón, abondaría para derrubar a maioría das barreiras -se non todas- que se opoñen ao cambio de modelo produtivo de que vimos falando. Se así fose, sen abandonar outras medidas necesarias, habería que actuar contundentemente en liña da mentalización social.

M.A. Ríos

Engadir un novo comentario