O Día Internacional da Muller e o Padre Feijóo

08/03/2015

Fai pouco máis dun ano, a RAGC rendía homenaxe a un galego ilustre e ilustrado, un promotor singular das novas tendencias, base do coñecemento científico actual, que daquela -principios do século XVIII - empezaban a circular por Europa. Estou a falar de Benito Jerónimo Feijóo Montenegro -o Padre Feijóo -un avanzado do seu tempo na promoción das novas correntes científicas, cuxo labor é pouco recoñecido.

O Padre Feijóo, nunha das súas obras mestras, El Teatro Crítico Universal, no Tomo I adica un dos seus discursos, o Discurso 16, á Defensa de las mujeres. Con argumentos e co coñecemento da época, defende a igualdade das mulleres -ben en entendida, dende a diversidade de calidades -e faino dun modo contundente, sen deixar un cabo solto.

Tras realizar unha análise comparativa de calidades dos individuos dun e outro sexo, no que el ve un equilibrio compensatorio, dedica unha maior parte do discurso a defender a capacidade intelectual da muller, igual ou superior á do home, en todos os seus aspectos. Remata presentando numerosos exemplos de mulleres que destacaron no mundo ao longo da historia.

Pódese dicir del, con toda razón, que tamén foi un avanzado do seu tempo en defensa da igualdade. A el quero render homenaxe hoxe, con motivo do Día Internacional da Muller, por unha actitude, que no seu tempo foi moi audaz e que merece ser recoñecida.

Engadir un novo comentario