“As ciencias axudáronme sempre a materializar, construír e realizar os meus soños formais e espaciais e convertelos logo en realidade”

A institución recoñece a súa “inmensa e plural” obra arquitectónica nun acto celebrado hoxe no Pazo de San Roque en Santiago

A Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) celebrou o mércores, 16 de xuño, no Pazo de San Roque de Santiago o acto de ingreso de César Portela Fernández-Jardón (Pontevedra, 1937), catedrático de Proxectos Arquitectónicos da Escola Técnica Superior e Arquitectura da Universidade da Coruña (UDC), como académico numerario da Sección de Ciencias Técnicas da institución.  Portela pronunciou o seu discurso de ingreso, titulado “A boa arquitectura cabalga ao unísono entre a arte e a ciencia”, que foi contestado en nome da Academia polo membro numerario da Sección de Ciencias Técnicas da RAGC, Pedro Merino.

Ao acto presencial asistiron o presidente da RAGC, Juan Lema Rodicio, e outros académicos da institución, así como o vicerreitor de Política Científica, Investigación e Transferencia da Universidade da Coruña (UDC), Salvador Naya Fernández; a presidenta do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez Blanco; e o delegado institucional do CSIC en Galicia, Antonio De Ron Pedreira; entre outros.

César Portela agradeceu á Academia a súa inclusión como membro numerario. Comezou o seu discurso solemne respondendo a unha pregunta xenérica pero crucial, “que é a arquitectura?” Segundo as palabras do Premio Nacional de Urbanismo en 1981 e Premio Nacional de Arquitectura no ano 2000, a arquitectura é a “construción do espazo” e a concepción deste espazo, entendida como primeiro soño creativo do feito arquitectónico, é para Portela imprescindible dentro dun proceso creativo moito máis amplo sen o que non é posible a arquitectura. “Os arquitectos non podemos limitarnos sinxelamente a soñar. Temos tamén que construír, que materializar os nosos soños empregando para iso materiais que debemos coñecer, escoller e traballar para sacarlles o máximo partido de acordo coas súas específicas calidades. A arquitectura é, xa que logo, arte e técnica a un tempo, pero arte e técnica ao servizo da sociedade” –manifestou–.

Nesta liña, o catedrático sinalou que a técnica en arquitectura debe estar sustentada nunha serie de principios científicos: a lei da gravidade, a velocidade do vento, o grao de humidade do ambiente, a intensidade do frío ou da calor do lugar, a resistencia do terreo no que se asenta, e mesmo a resistencia e características dos materiais empregados. Matizou que se a arquitectura non ten en conta estas leis científicas, o proxecto en cuestión pode acabar fendendo ou derrubándose ou mesmo pode chegar a ser inhabitable debido ao frío, á calor, á humidade ou ás goteiras que se poden xerar.

“Na miña traxectoria profesional, as ciencias axudáronme sempre a materializar, construír e realizar os meus soños formais e espaciais e mais a convertelos logo en realidade –confesou–.

Sobre a verdade, é dicir, sobre a esencia da arquitectura, César Portela asegurou que a boa arquitectura é aquela capaz de lograr solidez, confort, riqueza espacial e formal, buscando tamén a maior economía de medios, sinxelamente facer máis e mellor con menos medios, porque en opinión de Portela, os recursos económicos que se manexan deben administrarse con racionalidade, pero sen renunciar á calidade. “A boa arquitectura é aquela que lle ofrece seguridade aos corpos e liberdade aos espíritos” –profundou–.

Noutro punto, Portela indicou que tamén a boa arquitectura ten que gustarlle aos usuarios ademais de ao arquitecto que a realiza, e viceversa, satisfacendo os soños estéticos e éticos do arquitecto e logrando que os usuarios se sintan “ben protexidos, cómodos e a gusto”. Ademais, ao seu parecer a boa arquitectura debe estar dotada da necesaria flexibilidade para posibilitar os cambios que a persoa, familia ou os que a habitan experimentan co devir do tempo.

Nun punto máis transgresor, César Portela afirmou que a boa arquitectura non ten porque renunciar ao espectáculo, pero debe conseguir iso a base de “calidade espacial, formal e construtiva, sabendo dar resposta a cuestións fundamentais con solucións arquitectónicas brillantes, empregando elementos construtivos axeitados”.

E sen esquecerse do territorio, Portela indicou que a boa arquitectura tamén debe dar resposta, á vez, á escala humana e á escala territorial, á escala dos que a habitan e á do lugar onde se sitúa. En definitiva, Portela definiuna como aquela capaz de conseguir que a  emoción non se impoña e substitúa á razón, e que a arte non supedite á ciencia.

“Vale máis unha imaxe ca mil palabras”. Con este refrán, César Portela deu paso a unha escolla de fotografías dalgunhas das súas obras máis relevantes coas que exemplificará todo a súa anterior disertación arquitectónica.

Pedro Merino, académico: “Funcionalidade, beleza, orde, medida e compromiso social fan de César Portela un referente da arquitectura contemporánea”

O catedrático emérito de Ciencia dos Materiais e Enxeñaría Metalúrxica da Universidade de Vigo (UVigo) e académico numerario e presidente da Sección de Ciencias Técnicas da RAGC, Pedro Merino, foi o encargado de facer unha glosa sobre os perfís creativo, científico, docente e humano de Portela. En primeiro lugar, destacou os méritos do electo e a importancia da súa obra, así como da influencia que está a ter na formación da moderna tradición arquitectónica galega. Salientou a “inmensa e plural” obra arquitectónica de Portela que abrangue máis de trinta vivendas públicas e privadas, edificios administrativos, culturais e institucionais, e a creación, restauración ou remodelación de espazos públicos. “As rehabilitacións das casas reitorais de Marín e Pazos de Arenteiro en Boborás, os mercados e lonxas municipais de Bueu e Ribeira, os consistorios de Pontecesures, Cesuras, Forcarei e Brión, os edificios multiúsos e casas de Cultura en Vilalba, Cangas do Morrazo, Brión, Vilagarcía, Ponte Ledesma e Meira, e as rehabilitacións das pousadas en cabo Fisterra e Allariz, son exemplos moi valiosos dunha arquitectura dotacional que abrangue desde os primeiros anos 70 do século pasado, ata os nosos días” –indicou–.

En canto aos materiais escollidos, Merino sinalou que lle outorgan á obra arquitectónica de Portela “elegancia e solidez” con granitos, cuarcitas e lousas de distintas cores dos seus exteriores, nos pavimentos de mármore branco de Macael, na madeira, no vidro, e nos estucos polícromos para revocar paredes e teitos. “Funcionalidade, beleza, orde, medida e compromiso social fan de César Portela un referente da arquitectura contemporánea” –apuntou–.

Xa na súa faceta de docente como catedrático de Proxectos Arquitectónicos, Merino lembrou que Portela tentou de converter aos seus alumnos en profesionais capaces de entender a realidade a través do proxecto arquitectónico, e contribuír dun xeito eficaz ao labor pedagóxico da Escola Técnica Superior de Arquitectura da Coruña en prol da erradicación do “feísmo” en Galicia.

Juan Lema, presidente da RAGC: “A súa traxectoria nacional e internacional, con enormes contribucións particularmente en Galicia, son un enorme activo da RAGC e un soporte para prestixiar a ciencia e a tecnoloxía na sociedade”

Pola súa parte, o presidente da RAGC, Juan Lema, lamentou na súa intervención o recente pasamento do profesor Luis Caramés Vieitez, presidente da Sección de Ciencias Económicas e Sociais da institución, “moi querido e moi activo membro da Academia e relevante economista cunha fonda pegada no mundo universitario pero tamén no ámbito empresarial”.

O profesor Lema salientou a importancia da incorporación  de César Portela á Academia, que vai contribuír notablemente ao “fortalecemento” da Sección de Ciencias Técnicas representando á área de arquitectura. “O profesor Portela, arquitecto e mestre de arquitectos, ven a cubrir o baleiro que, no seu día, deixara o académico Rafael Baltar no ano 2004” –indicou–.

Segundo Lema, a concepción de Portela dunha arquitectura en harmonía coa natureza é un modelo de sustentabilidade e de respecto ao medio ambiente, “estando as súas creacións mimetizadas no contorno e concibidas tendo en conta moi coidadosamente a topografía da paisaxe”. Destacou tamén que é relevante á súa vinculación co mar e as paisaxes marítimas, particularmente da costa galega, con obras que figuran entre as máis coñecidas e recoñecidas. “A súa traxectoria nacional e internacional, con enormes contribucións particularmente en Galicia, son un enorme activo da RAGC e un soporte para prestixiar a ciencia e a tecnoloxía na sociedade” –matizou–.  

Ver o acto no nosa canle de YouTube

Share This