David A. Chipperfield
Director e fundador de David Chipperfield Architects e da Fundación RIA
David Chipperfield estudou arquitectura na Kingston School of Art e na Architectural Association School of Architecture en Londres. Traballou para Douglas Stephen, Richard Rogers e Norman Foster antes de fundar o seu propio estudio en 1985 e establecer unha metodoloxía de deseño que agora se emprega en cinco oficinas en Londres, Berlín, Milán, Shanghái e Santiago de Compostela.
É membro do Royal Institute of British Architects (RIBA) e membro honorario tanto do American Institute of Architects como do Bund Deutscher Architekten. Entre os galardóns que ten recibido destaca a Orde ao Mérito da República Federal de Alemaña (2009) e o título de “Cabaleiro” por servizos á arquitectura no Reino Unido e Alemaña (2010). Recibiu a Medalla Real de Ouro de Arquitectura do RIBA (2011) e o Praemium Imperiale da Asociación de Arte de Xapón (2013), outorgados en recoñecemento a toda unha vida de traballo. Foi nomeado membro da Orde dos Compañeiros de Honra do Reino Unido en 2021, Comendador da Orden de Isabel la Católica e membro da Orde Pour le Mérite für Wissenschaften und Künste de Alemaña en 2022 polos seus servizos á arquitectura a nivel internacional. En 2023 foi laureado co Premio Pritzker de Arquitectura.
Ademais do seu traballo de deseño, impartiu docencia e conferencias en escolas de arquitectura de todo o mundo. En 2012 comisariou a 13ª Exposición Internacional de Arquitectura da Bienal de Venecia, baixo o título “Common Ground”. Entre 2016 e 2017 foi mentor de arquitectura da Rolex Mentor and Protégé Arts Initiative. Publicou numerosos libros e artigos, entre eles “On Planning – A Thought Experiment” (2018), onde explora e teoriza sobre as cualidades dos desenvolvementos urbanos contemporáneos. En 2020 foi editor convidado da revista italiana de deseño Domus.
En 2017 creou a Fundación RIA, unha entidade privada sen ánimo de lucro que traballa polo desenvolvemento económico, ambiental e cultural en Galicia.