Prof. Dr. Enrique Vidal Abascal

Día do Científico Galego 2008

Enrique Vidal Abascal nace en Oviedo o 12 de outubro de 1908 e morre en Santiago de Compostela o 31 de outubro de 1994.

Cursa os estudos de bacharelato nos Institutos da Coruña e Santiago de Compostela. A súa familia pasa as vacacións de verán en Lalín, o que lle permite estar en contacto co insigne matemático e astrónomo D. Ramón María Aller Ulloa, moi amigo do seu pai, quen sen dúbida inflúe na súa vocación cara ás Matemáticas e a Astronomía e con quen mantería unha intensa e continuada relación profesional e de profunda amizade ata o falecemento de Don Ramón en 1966.

Graduado en Ciencias Exactas pola Universidade Complutense de Madrid, en 1931. Profesor de Xeometría Analítica na Universidade de Salamanca en 1933. Ese mesmo ano obtén por oposición unha praza de Catedrático de Matemáticas de Instituto. En 1935 foi bolseiro pola Junta de Ampliación de Estudios para facer unha estancia no Bureau International d’Education de Ginebra, do que era Director Jean Piaget, e asiste aos cursos impartidos polo propio Piaget e por Eduard Claparéde. Chega a Santiago de Compostela en 1941, como Catedrático de Matemáticas de Instituto e ocupando simultaneamente un posto de Profesor de Matemáticas na Facultade de Ciencias da Universidade. Nos difíciles anos corenta permanece estreitamente relacionado con algún dos matemáticos españois que tiveron que exiliarse, especialmente con Julio Rey Pastor e sobre todo con Luís Santaló, que durante eses anos estaba na Universidade de Princeton. En 1944 obtén o título de Douctor en Ciencias Exactas pola Universidade Complutense de Madrid. En 1952 é bolseiro polo CSIC para ir traballar co Profesor George de Rahm, en Lausanne, sobre os fundamentos da Xeometría Integral. Obtén a Cátedra de Xeometría Diferencial dá Universidade de Santiago de Compostela en 1955, Cátedra que desempeñaría ata o momento dá súa xubilación.

Vidal Abascal xogou un papel moi destacado na creación da Real Academia Galega de Ciencias, en colaboración con outros profesores e científicos galegos, Academia da que foi o seu primeiro Presidente e máis tarde, Presidente de Honra. Tamén xogou o papel fundamental na creación , en 1957, dá Sección de Matemáticas dá Universidade de Santiago de Compostela, que sería a cuarta creada en España. Esa Sección convertiríase posteriormente en Facultade de Matemáticas, dá que Vidal Abascal sería o seu primeiro Decano. Enviado en 1957 polo CSIC á Reunión de Matemáticos de Expresión Latina, en Niza. Durante esa reunión iníciase unha moi frutífera e duradeira relación da entón incipiente Escola de Xeometría Diferencial Galega con algún dos máis pretixiosos matemáticos franceses, como A.Lichnerowicz e R. Dehevels, da Universidade de París, ou G. Reeb da de Estrasburgo. Ao longo da súa dilatada vida académica foi invitado a pronunciar conferencias ou ditar cursos de investigación en diversas institucións, entre elas a Universidade de París VII, no Colegio de Francia e no Instituto Poincaré. Tamén foi invitado a participar en numerosos seminarios e congresos científicos nas Universidades de París e de Estrasburgo, e nos centros de investigación matemática de Oberwolfach e Bruselas, habendo participado igualmente en numerosos congresos internacionais. Organizador do primeiro congreso internacional de matemáticas celebrado en España, en 1963, xogou un papel fundamental no inicio do despegamento da investigación nesta rama da ciencia no noso país.

Entre 1965 e 1978 dirixiu 15 teses doutorais, e os seus discípulos ocupan ou ocuparon os seguintes postos: 8 Catedráticos de Universidade, 1 Profesor de Investigación do C.S.I.C., 2 Catedrático de Escola Universitaria, 4 Profesores Titulares de Universidade e 1 Colaborador Cientifico do C.S.I.C. As súas liñas de investigación centráronse en tres grandes áreas: Astronomía (principalmente no cálculo de órbitas de estrelas dobres), Xeometría Diferencial Clásica e Integral, e Xeometría Diferencial de Variedades. Autor moi prolífico, na lista das súas publicacións, probablemente incompleta, figuran un total de 87 publicacións que se poden agrupar da forma seguinte: 3 monografías e 13 artigos sobre Astronomía; 1 libro, 5 monografías e 39 artigos sobre Xeometría Diferencial e Integral, e 26 publicacións máis entre libros de Matemáticas Xerais, discursos, libros de ensaio, e artigos de divulgación en prestixiosas revistas, por exemplo na “Revista de Occidente”. Ademais, moitos dos seus traballos de investigación foron publicados en revistas de recoñecido prestixio, como: Astronomical Journal, Journal of Differential Geometry, Proceedings of the American Mathematical Society, Bulletin of the American Mathematical Society, Annals de l´Institut Fourier, Comptes Rendue de l´Académie des Sciences de Paris, Rendiconti di Círcolo Matemático di Palermo, Tensor N.S., etc.

As súas facetas humanista, artística e cultural, e as súas preocupacións sociais, tamén foron aspectos moi importantes das actividades de Enrique Vidal Abascal. En 1971 ingresa na Real Academia Galega dás Letras, para ocupar a vacante deixada polo seu gran mestre D. Ramón María Aller Ulloa. O seu profundo compromiso con Galicia aparece reflectido no seu discurso de ingreso, que inicia resaltando “a débeda que teño con Galicia, que me deu o sentido á vida e agarimoume dende sempre coa súa cultura”. Responde ao seu dicurso D. Ramón Otero Pedrayo, a quen lle unía unha longa amizade. Tamén foi membro doutras Sociedades Científicas e Culturais españolas e internacionais, como o Circolo Matemático de Palermo, da Real Sociedade Matemática Española, da American Mathematical Society. Foi referee de numerosas revistas, entre elas da Zentralblatt für Mathematik (Alemaña) e da Mathematical Reviews (USA).

Entre os numerosos premios e recoñecementos que o Profesor Vidal Abascal recibiu en vida destacan:
“Premio Alfonso X el Sabio”, do Consello Superior de Investigacións Científicas, no ano 1949, pola súa obra “Xeometría Integral sobre as Superficies Curvas”.
“Premio da Real Academia de Ciencias Exactas, Físicas e Naturais”, en dúas ocasións: no ano 1953 pola súa obra “Xeneralización dos Invariantes Integrais”; no ano 1959 pola súa obra “Equivalencia entre algúns problemas do Cálculo de Variacións, a Teoría dos Invariantes Integrais Xeneralizados e a Xeometría Integral”.
“Premio de Investigación Xunta de Galicia”, no ano 1989, premio que lle foi concedido polo conxunto da súa obra científica.

E as seguintes condecoracións:
“Officier dans l´Ordre des Palmes Académiques”, concedida polo Goberno Francés, no ano 1974.
“Medalla Castelao”, concedida pola Xunta de Galicia no ano 1986, en recoñecemento a toda unha vida dedicada a Galicia.

PROGRAMA

23 de Abril de 2008

Pazo de San Roque
Santiago de Compostela

19:00 h. Apertura do Acto
Profesor Dr. Ernesto Viéitez Cortizo
Presidente da Real Academia Galega de Ciencias
19:10 h. Semblanza a cargo do
Profesor Dr. Félix Vidal Costa
Membro de Número da Real Academia Galega de Ciencias
“Enrique Vidal Abascal: o factor humano”
19:20 h. Conferencia
Profesor Dr. Manuel de León Rodríguez
Profesor de Investigación
Instituto de Matemáticas e Física Fundamental, CSIC, Madrid
“Enrique Vidal Abascal, el sembrador de geometría”
20:00 h. Conferencia
Profesor Dr. Luís A. Cordero Rego
Catedrático de Xeometría e Topoloxía da Universidade de Santiago de Compostela
“Enrique Vidal Abascal, o meu mestre”

Documentos

PDF / CARTEL