A RAGC e a Universidad Intercontinental de la Empresa celebraron o acto de entrega da segunda edición dos “Premios RAGC-UIE para investigadoras e investigadores xoves”, que tivo lugar no Centro Obra Social ABANCA de Santiago. Estes galardóns buscan impulsar a investigación científica en Galicia, dando recoñecemento e potenciando as traxectorias de investigadoras e investigadores novos que desenvolven a súa carreira en centros da nosa comunidade.
No campo das Ciencias Básicas, a galardoada é Verónica Bolón, pioneira en deseñar sistemas de IA sustentables; en Ciencias Técnicas distínguese a Laura Castro polo seu labor no campo das enerxías renovables mariñas; e en Ciencias Sociais o recoñecemento corresponde a María Barreiro, dedicada a axudar ás organizacións a ser máis sustentables. Cunha dotación de 5000 euros para cada un dos tres premios, concedéronse ademais varios accésits.
No evento participaron o secretario xeral da UIE, Pedro Otero; e o presidente da RAGC, Juan Lema, xunto a outros membros dos dous organismos. Asistiron ademais o conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, Román Rodríguez; o subdelegado do Goberno na Coruña, Julio Abalde; o reitor da Universidade da Coruña, Ricardo Cao; ademais de representantes doutras entidades políticas, culturais, científicas e académicas galegas.
Juan Lema: “Galicia conta cunha nova xeración científica de altísimo nivel, capaz de competir internacionalmente e de liderar áreas clave para o futuro”
Na súa intervención, Juan Lema declarou que “estes premios demostran que Galicia conta cunha nova xeración científica de altísimo nivel, capaz de competir internacionalmente e de liderar áreas clave para o futuro”. Nesta liña, o presidente da RAGC manifestou que “a calidade das candidaturas fixo especialmente difícil a selección, o que é unha excelente noticia para o sistema galego de ciencia e innovación”. Puxo de relevo que “as persoas premiadas e recoñecidas cos accésits representan unha ciencia nova, internacional, rigorosa e comprometida coa sociedade, desde a sustentabilidade e a intelixencia artificial ata a saúde, a enerxía e a dixitalización”.
Pola súa parte, Pedro Otero subliñou como o das premiadas e premiados non é en absoluto un camiño exento de trabas: “Sabedes ben o que significa navegar nun océano de obstáculos. Sen dúbida, gran parte de que esteades hoxe aquí débese á vosa entrega e perseveranza, desde logo, pero creo que tamén a un decidido espírito de superación”. Por iso mesmo, destacou: “Por tantos obstáculos superados, por tantas ideas certeiras e por tanto afán en seguir avanzando e crecendo co ben común como obxectivo último, na UIE e na RAGC quixemos devolvervos, mediante a creación destes premios, polo menos un pouco do moitísimo que o voso traballo nos ofrece a nós”.
Verónica Bolón, pioneira no deseño de intelixencia artificial verde
No campo das Ciencias Básicas recoñeceuse a Verónica Bolón (Carballo, 1984), investigadora do Laboratorio de I+D en Intelixencia Artificial da Universidade da Coruña. Céntrase no deseño de sistemas de intelixencia artificial eficientes, capaces de equilibrar rendemento, custo computacional e impacto ambiental. Os resultados dos seus traballos téñense aplicado en ámbitos como o biomédico -diagnóstico de retinopatía do prematuro, enfermidades cardiovasculares ou trastornos do sono-, así como para a resolución de problemas ambientais e educativos. “Para min é importante poder servir de exemplo para todas as nenas que veñen detrás, polas que paga a pena seguir abrindo camiño nun ámbito que durante moitos anos foi maioritariamente masculino” -salientou-.
Manuel Souto (Valencia, 1988), investigador do Centro Singular de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares (CiQUS) da Universidade de Santiago, recibiu un accésit. Investiga en novos materiais máis sostibles con aplicacións en almacenamento enerxético. Na actualidade céntrase no deseño de baterías máis eficientes e sostibles, baseadas en eléctrodos orgánicos, fronte ás baterías de litio convencionais. Remarcou que “este recoñecemento destaca o impacto da investigación levada a cabo por grupos emerxentes en Galicia e axuda a impulsar as carreiras dos científicos máis novos”.
Outro dos accésit foi para Ismael González (O Rosal, 1988), do Centro Singular de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas (CiMUS) da USC. Afonda nos mecanismos neuroendocrinos que controlan o metabolismo. Nesta liña, descubriu que os estróxenos actúan no hipotálamo para incrementar a temperatura corporal e xerar saciedade. Os seus traballos supuxeron un notable avance no coñecemento dos mecanismos fisiopatolóxicos da obesidade. “Valoro que se dea visibilidade á etapa xove da carreira científica, un momento de grande intensidade, novas ideas e alta motivación, pero tamén de incerteza. Iniciativas como esta axudan a impulsar a nosa traxectoria e a poñer en valor o papel das novas xeracións no avance da ciencia” -manifestou-.
Laura Castro, experta en enerxías renovables mariñas
No campo das Ciencias Técnicas distinguiuse á investigadora da Universidade da Coruña Laura Castro (Betanzos, 1985), que desenvolve o seu labor no Centro de Investigación en Tecnoloxías Navais e Industriais (CITENI) de Ferrol. A súa traxectoria céntrase no estudo técnico-económico das enerxías renovables mariñas: enerxía eólica mariña, enerxía undimotriz, sistemas híbridos de enerxía mariña e enerxía solar mariña. É a única catedrática na área de Construcións Navais en Galicia e a máis nova de toda España. Puxo de relevo que “este premio recoñece o traballo das investigadoras e investigadores mozos nunha etapa na que o apoio, a confianza e a visibilidade son fundamentais. É un estímulo para seguir afrontando novos retos científicos en beneficio da sociedade”.
Concedeuse un accésit a Lucía Díaz (Vilalba, 1985), profesora do Departamento de Deseño na Enxeñaría da Universidade de Vigo. Investiga no eido da dixitalización da contorna construída para crear espazos máis seguros, intelixentes e sostibles; para o mantemento intelixente de infraestruturas, mellorar a accesibilidade e facilitar a vida de persoas con diversidade funcional; ademais de aplicar a circularidade e a sustentabilidade na construción. “Nunha etapa na que moitos investigadores e investigadoras estamos a construír a nosa traxectoria e na que, en moitos casos, vimos de períodos de inestabilidade, premios como este contribúen a poñer en valor o noso traballo e a reforzar a confianza para seguir avanzando” -destacou-.
María Barreiro traballa pola sustentabilidade das empresas e organismos
En Ciencias Sociais premiouse a María Barreiro (A Coruña, 1987), profesora da Universidade da Coruña e investigadora do centro de investigación interuniversitario ECOBAS, especializado no estudo da sustentabilidade. Enfoca o seu traballo á busca de mecanismos que axuden ás organizacións a ser económica, ambiental e socialmente máis sustentables. É coordinadora do Green Campus da facultade de Economía e Empresa da UDC. “Estou moi orgullosa de recibir este premio, que pode servir de referente para investigadores e, especialmente, investigadoras que están a empezar a súa carreira en Galicia” -manifestou-.
O accésit foi para Rubén Lado (Outes, 1989), profesor de Economía Financeira e Contabilidade da USC. Desenvolve dúas grandes liñas de investigación: o estudo do efecto da localización empresarial sobre as variables económico-financeiras, con especial atención ao sector turístico-hoteleiro español; e a xestión de riscos empresariais nun contexto de crecente dixitalización e transición enerxética. “O progreso da investigación galega depende en boa medida de seguir reducindo barreiras e fortalecendo espazos compartidos que faciliten o pleno desenvolvemento do talento novo, capaz de afrontar os retos do presente e construír respostas para o futuro” -salientou o premiado-.