A Academia Entrega os Premios de Investigación Ernesto Viéitez Cortizo 2018

23/01/2019

 

O pasado 23 de xaneiro, a REAL ACADEMIA GALEGA DE CIENCIAS entregou os Premios de Investigación Ernesto Viéitez Cortizo correspondentes ao ano 2018, convocados co obxecto de promover a investigación e o desenvolvemento nas áreas de coñecemento integradas na Academia, a través do recoñecemento académico e social do esforzo dos investigadores.  O traballo científico distinguido co Premio de Investigación 2018 da Real Academia Galega de Ciencias ( RAGC), dotado con 6.000 euros netos, propón o uso de nanopartículas para aplicar terapias diana capaces de frear a metástase do cancro de colon no fígado ata nun 80%. O equipo galardoado está liderado polos investigadores Alejandro Sánchez Barreiro e Inés Fernández Barreiro, do Departamento de Farmacoloxía, Farmacia e Tecnoloxía Farmacéutica da USC e conta coa colaboración de investigadores do grupo Signaling Lab da Universidade do País Vasco; do Instituto de Investigación Sanitaria Biodonostia; do Centro de Investigacións Médico-Biolóxicas da Universidade de Düsseldorf ( Alemaña); e do Instituto Nacional de Saúde e Investigación Médica de Francia ( INSERM). 

A investigación foi publicada este ano na revista International Journal of Cancer, de referencia no ámbito da oncoloxía e deu lugar a unha patente en EE. UU. Os investigadores premiados dedicaron o premio a Begoña Seijo, investigadora da Universidade de Santiago de Compostela, falecida prematuramente, sen poder "ver que as nanopartículas desenvoltas con a súa axuda presentan hoxe un enorme potencial clínico”.

Adrián Pérez Diéguez, do Grupo de Arquitectura de Computadores da Facultade de Informática da UDC, foi distinguido co premio para investigadores novos, dotado con 2000 euros netos, no que se recoñece o traballo de científicos menores de 28 anos. O xurado elixiu de forma unánime a súa estratexia para facilitar o traballo dos programadores informáticos cando se enfrontan á resolución de grandes problemas científicos aplicando técnicas de computación avanzada. A solución proposta adapta os algoritmos ao seu funcionamento coas populares tarxetas gráficas ( GPUs) dos computadores persoais, que presentan características diferenciadoras, pero un enorme potencial en termos de eficiencia computacional, con respecto ás clásicas unidades de procesado ( CPUs).