Acto de Apertura do Curso 2015 e entrega dos Premios de Investigación Ernesto Viéitez 2014

22/01/2015

A Real Academia Galega de Ciencias celebrou onte o acto solemne de Apertura do Curso 2015, no que se entregaron, ademais, os Premios de Investigación Ernesto Viéitez 2014.

Tras a lectura da Memoria de actividades da Academia do ano 2014, o Prof. Dr. D.Fernando Pérez González, Académico Numerario, procedente da Universidade de Vigo, disertou sobre "O que o ollo non ve. O Photoshop e a nova Ciencia Forense Multimedia", un tema de actualidade, que dá orixe a investigacións novidosas de interese social.
Posteriormente procedeuse á entrega dos Premios de Investigación. O premio á Promoción de Investigadores Mozos, dotado con 2000 €, correspondeu ao traballo "Holografía en teorías non conformes", do que é autor D. Iago Bea, Físico de Partículas da USC, quen recibiu o galardón de mans do Director da Axencia Galega de Innovación. O premio a un traballo de investigación, dotado con 6000 € foi outorgado ao traballo "Biotecnoloxía celular aplicada á recuperación funcional do ictus isquémico" do que son autores D.Francisco Campos, D. Tomás Sobrino e D. José Castillo, Director do Grupo de Investigación. Todos son investigadores do IDIS (CHUS, USC), e recibiron o seu galardón de mans do Reitor da Universidade de Santiago, do Conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e do Presidente da Real Academia Galega de Ciencias, na orde citada.

O Presidente da RAGC, D. Miguel A. Ríos, no seu discurso, que pechou o acto, fixo unha análise do obxectivo prioritario da Academia que centrou na creación dunha Sociedade cientificamente culta e mentalizada respecto ao valor da ciencia, cualificando o novo curso como un curso de mentalización social; levou a cabo unha breve glosa dos premios, a cuxos autores felicitou e agradeceu o seu esforzo e neles a todos os investigadores de Galicia; anunciou a incorporación de seis novos académicos numerarios, o cambio de denominación do Día do Científico Galego polo de Día da Ciencia en Galicia e a convocatoria dos Premios de Investigación Ernesto Viéitez 2015.
Ao acto asistiron o Conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, o Presidente do Conselo dá Cultura, os tres reitores das Universidades Galegas, o Director da Axencia Galega de Innovación, o Secretario Xeral de Política Lingüística, a Directora Xeral de Innovación da Consellería de Sanidade, o Vicepresidente do Consello dá Cultura, Da. Piar Farjas, ex-Conselleira e ex-Secretaria de Estado de Sanidade, os Presidentes das Academias de Farmacia e Veterinaria, os Decanos das Facultades de Medicina, Farmacia, Química e Matemáticas e a Directora do Instituto de Investigacións Agrobiolóxicas de Galicia, outras autoridades, representantes de Colexos Profesionais e numeroso público.