Bota a andar o VI Premio de Comunicación Científica Universitaria "Contar a Ciencia-la Caixa"

17/03/2019

Por sexto ano consecutivo bota a andar o Premio de Comunicación Científica Universitaria "Contar a Ciencia-la Caixa", que foi presentado este xoves na Facultade de Comunicación da Universidade de Santiago de Compostela.

Un certame convocado pola Real Academia Galega de Ciencias e patrocinado pola Obra Social la Caixa, e que busca fomentar o xornalismo especializado en ciencia entre os estudantes de comunicación das universidades galegas. No concurso tamén colaboran a Secretaría Xeral de Universidades da Xunta de Galicia e a empresa Primux.

A presentación foi conducida por Eduardo Rolland, director de GCiencia, e nela tamén participaron María Jesús Tallón, subdirectora xeral de Promoción Científica e Tecnolóxica
Universitaria; Anxo Pérez, responsable de Comunicación de Caixabank en Galicia; e Pilar Bermejo, catedrática da USC e secretaria da RAGC. Bermejo ofreceu ademais unha clase aberta na que puxo de manifesto a necesidade de contar con profesionais da comunicación conscientes e coñecedores da relevancia da ciencia para o progreso da sociedade.

Pilar Bermejo, secretaria da RAGC afondou na súa intervención no papel clave que as mozas e mozos comunicadores terán na revolución tecnolóxica que xa estamos a vivir. Ante isto, apelou ao "criterio, sensibilidade e responsabilidade" dos xornalistas á hora de trasladar á cidadanía as informacións do mundo científico e tecnolóxico "Hai que saber diferenciar o gran da palla, e saber escoller e priorizar as fontes solventes entre o mar de ruído e lixo que nos chega sen control por múltiples canles". E neste mesmo punto remarcou a aposta clave da Academia pola divulgación do coñecemento científico xerado en Galicia.


O prazo para presentar as propostas previas está aberto ata o vindeiro 31 de marzo. O gañador ou gañadora do concurso recibirá 500 euros en metálico, un smartphone IoxPhone P1 de Primux e un diploma acreditativo. O xurado escollerá tamén dous finalistas, que recibirán cadanseu equipo de altofalantes portátiles Sk-21 de Primux e diplomas acreditativos. O resto de concursantes seleccionados para elaborar os seus traballos tamén recibirán diplomas.

Máis información e bases do concurso en Gciencia.