CIVIL.UAVs.INITIATIVE. No bo camiño.

14/05/2016

No día de onte tivo lugar, no Aeródromo de Rozas (Castro de Rei), a presentación do proxecto CIVIL.UAVs.INITIATIVE.  Trátase dunha  iniciativa de I+D+i no marco da promoción en Galicia, no devandito aeródromo, dun Polo Tecnolóxico e Industrial para a utilización de Vehículos Aéreos Non tripulados (UAVs) na mellora de importantes servizos públicos, como son á xestión eficiente de recursos terrestres, acuáticos, do territorio e emerxencias sanitarias.

Trátase dunha importante iniciativa da Xunta de Galicia a través da Consellería de Economía, Emprego e Industria (GAIN e IGAPE) en forma dunha colaboración público - privada, con participación da UE, do Goberno de España, do INTA e as empresas Inaer e Indra. É un proxecto altamente tecnolóxico, que comprende actividades de I+D+i, de formación, de adestramento de pilotos e industriais. Inclúe a creación dun novo Centro Tecnolóxico e conta coa colaboración do Sistema Universitario de Galicia e outras institucións tecnolóxicas.

Trátase dunha forte inversión nun proxecto tractor, que implica a creación de tecnoloxía, na súa maioría de uso transversal, e que require man de obra cualificada. É unha magnífica aposta para camiñar cara a un novo modelo de sistema produtivo. É un  gran proxecto, cuxo éxito  require moita atención e apoio, que todos habemos de prestar.

Trátase de poñer o coñecemento ao servizo do desenvolvemento socioeconómico de Galicia. Parabens!.