Convocado o II Premio Universitario “la Caixa” de Comunicación Científica

06/03/2015

Santiago. 5 de febreiro de 2015. Divulgar a investigación que se fai nas universidades galegas, promover o xornalismo científico e animar ós estudantes universitarios a coñecer a ciencia nos seus campus é o obxectivo do II Premio Universitario "la Caixa" de Comunicación Científica, convocado pola Obra Social de la Caixa e por GCiencia (www.gciencia.com), o portal da ciencia galega.

O premio conta coa participación das tres universidades galegas -A Coruña, Santiago de Compostela e Vigo- e está dirixido a estudantes das facultades de Periodismo e Comunicación para que, a través de reportaxes escritas ou audiovisuais, ou mediante a combinación de ambas as dúas modalidades, investiguen e conten a ciencia que se fai nos seus campus.

A segunda edición deste certame foi presentada este xoves, 5 de febreiro, na Facultade de Ciencias da Comunicación da Universidade de Santiago, que foi tomada pola ciencia nun acto protagonizado polo presidente da Real Academia Galega de Ciencias, Miguel Ángel Ríos; e no que participaron o o secretario xeral de Universidades, José Alberto Díez de Castro, e o director de Área de Caixabank, Antonio Lema.

Ríos escenificou coa sua intervención a necesaria conexión entre xornalismo, comunicación e ciencia. Na súa improvisada clase, calificou a ciencia da “mais noble e elevada actividade que pode desenvolver o ser humano”. E a súa comunicación, o mellor camiño para crear “una sociedade científicamente culta, convencida da importancia que ten a ciencia”. “A ningúen se lle oculta o papel dos medios de comunicación para transmitir e crear opinión na sociedade, para crear sensibilidade. É un papel absolutamente crucial”, afirmou, principalmente para vencer a barreira que a veces separa a ciencia da sociedade. Eso si: “Evitando perder o rigor e o sensacionalismo”.

Os alumnos presentarán as súas propostas de reportaxe ata o vindeiro 31 de marzo. A investigación do laboratorio da facultade próxima, una entrevista co autor dunha interesante tese, por que recibiu un premio unha patente, que aplicacións prácticas terá un proxecto europeo que se desenvolve no seu campus... Todos os temas científicos son válidos. Nunha primeira selección escolleranse as 10 mellores propostas. Os estudantes terán logo ata o 24 de abril para elaborar e presentar os traballos seleccionados. GCiencia publicará logo estas reportaxes escritas ou audiovisuais e un xurado elixirá o gañador no mes de xuño. O xurado estará formado por representantes de La Caixa, as tres universidades, o Colexio Oficial de Xornalistas de Galicia, o Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC), a Real Academia Galega de Ciencias e GCiencia.

O premio conta co patrocinio de ”la Caixa”, entidade financeira con forte implantación en Galicia, presente en sectores económicos estratéxicos. A través da súa Obra Social, ”la Caixa” expresou sempre o seu apoio e interese pola ciencia, pola investigación, o desenvolvemento e a innovación como motores da economía.

Ademáis, o certame conta na súa segunda edición coa colaboración da Secretaría Xeral de Universidades, ademáis da participación da empresa tecnolóxica galega Primux Tech.

GCiencia é o portal da ciencia galega, dedicado á información e á divulgación científica, a través de periodismo escrito ou audiovisuais.