Dia da Ciencia en Galicia 2016. Ignacio Ribas, Raúl Romar

09/10/2016

Onte, día 8 de Outubro, 340 aniversario do nacemento do Padre Fijóo, a Real Academia Galega de Ciencias celebrou o Día da Ciencia en Galicia. O acto central tivo lugar na Aula Magna da Facultade de Química e nel rendeuse homenaxe ao Prof. D. Ignacio Ribas Marqués, á vez que se procedeu a entregar o I Premio Galicia de Xornalismo Científico a D. Raúl Romar, redactor de La Voz de Galicia. O Día da Ciencia en Galicia é unha celebración aberta a toda a Sociedade Galega, co propósito de facerlle chegar o interese polo coñecemento científico-técnico, segundo indicou o Presidente da RAGC, Miguel Ángel Ríos. Proxectouse un interesante vídeo no que antigos alumnos e unha das fillas de D. Ignacio Ribas glosaron algúns dos aspectos da súa peculiar personalidade. A continuación o Prof. Luís Castedo levou a cabo unha entretida exposición de diversos aspectos da traxectoria persoal, familiar e profesional de D. Ignacio. Posteriormente, D. Raúl Romar recibiu o I Premio Galicia de Xornalismo Científico, dotado con 4000€ netos, de mans do Presidente da RAGC e o Diploma acreditativo de mans do Reitor da USC. O Sr. Romar, tras agradecer o premio, resaltou a necesidade de convencer á sociedade da importancia do coñecemento para o seu desenvolvemento económico e social. O Presidente da Academia, Prof. Ríos insistiu moito nesta mesma idea, que vén defendendo desde hai tempo, como única vía para converter a Galicia nun país avanzado a medio e longo prazo. Na súa visión, o Día da Ciencia en Galicia hase de converter nunha celebración institucional, símbolo da Galicia moderna, na que participe toda Galicia e en todos os seus estamentos sociais. A figura de D. Ignacio Ribas Marqués ha de servir como un faro que nos ilumine e nos de forzas para seguir esta senda do coñecemento. Finalmente, pechou a secuencia de intervencións o Sr. Reitor da Universidade de Santiago, Sr. Viaño, quen se congratulou pola celebración do Día da Ciencia en Galicia, á que ofreceu o apoio da USC. A aula Magna da Facultade de Química, de gran capacidade, atopábase repleta de asistentes, entre os que se contaban numerosas autoridades, os Académicos, a familia e amigos de D. Ignacio Ribas e antigos alumnos da promoción 1962-1967. O acto pechouse co himno de Galicia.  Desde o día 8 de Outubro D. Ignacio Ribas Marqués ten unha placa conmemorativa no Parque das Ciencias Isidro Parga Pondal, como Científico Galego do ano 2016.

 

Ler máis