Gañadores dos Premios de Investigación Ernesto Viéitez 2019 da RAGC

26/09/2019

A RAGC premia o estudo da “domesticación” do castiñeiro e o descubrimento dunha nova diana farmacolóxica contra a obesidade

 

Santiago de Compostela, 26 de setembro de 2019.- O traballo científico distinguido co Premio de Investigación 2019 da Real Academia Galega de Ciencias (RAGC), dotado con 6.000 euros, é un estudo xenético sobre o castiñeiro no sur de Europa, que demostra que as primeiras prácticas de “domesticación instantánea”, é dicir, de cultivo mediante o enxerto, foron realizadas en Galicia, a principios do século XV. O equipo galardoado está liderado por investigadores da Universidade de Santiago de Compostela (USC) e conta coa colaboración de científicos franceses, italianos, andaluces, vascos e estremeños.

 

O proxecto premiado na categoría de investigadores mozos, dotado con 2.000 euros, é para un biólogo tamén da USC que identificou unha nova diana para terapias contra a obesidade e a síndrome metabólica en xeral, un grupo de afeccións relacionadas co risco de desenvolver unha enfermidade cardiaca e diabetes tipo 2.

 

A elección dos galardoados vén de ser aprobada en pleno pola RAGC, que distinguiu tamén con mencións honoríficas a investigadores da USC e da Universidade de Vigo (UVigo). Os premios serán entregados durante a celebración do Día da Ciencia en Galicia, o vindeiro 8 de outubro. Os galardóns, que chegan este ano á súa vixésimo oitava edición, levan o nome Premios de Investigación Ernesto Viéitez.

 

A primeira análise xenética da “domesticación” do castiñeiro

 

O equipo galardoado co Premio de Investigación, outorgado a científicos senior, está liderado polo Grupo de Agronomía do Campus de Lugo da USC e integra a investigadores do Instituto Nacional de Investigación Agronómica de Francia-Universidade de Burdeos, do Instituto de Investigación do Ecosistema Terrestre de Italia, das Universidades de Córdoba e Estremadura e do Centro de Recuperación de Recursos Xenéticos de Álava.

 

Coordinado polos investigadores galegos Santiago Pereira e Ana María Ramos, trátase da primeira análise xenética de castiñeiros monumentais no sur de Europa, realizado co obxectivo de comprender mellor os efectos do enxerto no proceso de “domesticación” desta especie ao longo da Historia, incluíndo o impacto que esta práctica produciu sobre a súa diversidade xenética.

 

 

Da avaliación de 105 árbores centenarias de España, Italia e Portugal resultou que as primeiras evidencias de domesticación mediante enxertos foron atopadas en Galicia, nunha árbore cun perímetro de 15 metros situada no lugar de Pexeiros (Os Blancos, Ourense), dunha caste non descrita ata o momento e que data de principios do século XV (aproximadamente do ano 1427). No Val do Douro portugués o castiñeiro monumental enxertado máis antigo calcúlase que data de arredor de 1479, mentres que no País Vasco se remonta xa ao século XVI (ano 1558) e en Italia ao século XVII.

 

O proxecto recoñecido pola RAGC inclúe a comparación dos resultados obtidos cos xenotipos rexistrados na base de datos europea sobre o castiñeiro no que o Grupo de Agronomía xa traballara. Da análise despréndese que a estrutura xenética dos castiñeiros cultivados non difire da dos silvestres. Ademais, a diversidade do cultivo desde os seus inicios, con labores de enxerto nun gran número de castiñeiras, propiciou que ao longo dos séculos se retivese a rica variedade xenética das árbores silvestres.

 

Como conclusión do seu estudo, os investigadores recomendan manter a diversidade clonal para conservar a variabilidade xenética das castiñeiras en toda Europa.

 

Nova diana farmacolóxica para a síndrome metabólica

 

Juan Cuñarro Gómez, do Centro Singular de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas (CiMUS) da USC, é distinguido co premio para investigadores mozos, no que se recoñece o traballo de científicos menores de 30 anos. O xurado elixiu o proxecto no que Cuñarro, do Grupo Diabesity do CiMUS, contou coa colaboración do Centro Nacional de Investigacións Cardiovasculares Carlos III (Madrid) e do Instituto de Investigación Sanitaria Biocruces (Biscaia).

 

A investigación identifica por primeira vez a proteína p107 –que ata o de agora fora estudada sobre todo polo seu papel no ciclo celular e na aparición de tumores– como unha potencial diana terapéutica para a abordaxe da obesidade e da síndrome metabólica en xeral. Dada a relación directa destas coas enfermidades cardiovasculares –a principal causa de morte en todo o mundo– e coa diabetes tipo 2, o descubrimento de novas dianas farmacolóxicas é un reto científico de primeira orde, o que pon de relevo a importancia do traballo liderado por Cuñarro.

 

No traballo descríbese como a actuación sobre a proteína p107 para reducir a súa expresión no organismo favorece a perda de peso debido a un incremento do gasto enerxético mediante a activación da termoxénese, o proceso que consiste na metabolización da graxa para producir calor corporal. Isto contribúe a unha mellor regulación da glicosa no sangue, á diminución de graxa no fígado e a unha melloría no perfil de lípidos, coa reducción dos triglicéridos e do colesterol, todo isto mesmo en caso de dietas altas en graxa.

 

Mencións honoríficas

 

En ambas as dúas categorías foron outorgadas mencións honoríficas. No caso do premio a investigadores sénior, María Celeiro, en equipo con María Llompart, recibe o recoñecemento da RAGC polo desenvolvemento dunha metodoloxía in-situ para a monitorización de contaminantes emerxentes en augas. A científica do Instituto CRETUS da USC demostra a eficacia do seu método para a detección e análise de 43 substancias químicas presentes en cosméticos nas augas de ríos cercanos á costa galego-portuguesa  no prazo de tan só 23 minutos.

 

 

Na categoría de investigadores mozos, outorgóuselle tamén unha mención honorífica a Xabier García, do Departamento de Matemáticas do Campus de Ourense da Uvigo. En colaboración con outro científico belga, o seu traballo describe a variedade de álxebras de Lie a través da exponenciación alxébrica.