O catedrático de Economía José Ramón Cancelo de la Torre novo Académico da Real Academia Galega de Ciencias

15/09/2016

A Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) celebrou onte no Pazo de San Roque (Santiago) o acto de ingreso de José Ramón Cancelo de la Torre, catedrático no Departamento de Economía Aplicada da Universidade da Coruña (UDC), que se integra na Sección de Ciencias Sociais e Económicas.

O discurso de ingreso do novo académico da RAGC versou sobre “A crise da eurozona: unha historia de desequilibrios e asimetrías”. Logo de pronuncialo, recibiu odiploma que lle foi entregado polo reitor da UDC, Julio Abalde. A continuación, o presidente da RAGC, Miguel Ángel Ríos impuxolle a medalla da institución. Ao acto asistiron, entre outros, o reitor da Universidade de Santiago de Compostela, Juan Viaño,  o concelleiro de Educación e Cidadanía do Concello de Santiago de Compostela, Manuel Dios e o Director do IGE, José Antonio Campo.

José Ramón Cancelo licenciouse en Ciencias Económicas en 1982 na USC e doutorouse pola Universidade Autónoma de Madrid catro anos despois. Ata 1988 realizou varios cursos para posgraduados no Banco de España, na especialidade de economía cuantitativa.

Logo dunha primeira etapa como docente na Universidade Autónoma de Madrid, que compaxinou cunha breve experiencia na empresa privada, conseguiu primeiro a cátedra na Universidade de Castela-A Mancha e, en 1995, na Universidade da Coruña, na que desde entón exerce como profesor e investigador, no grupo Jean Monnet de Competencia e Desenvolvemento.

No ámbito científico, figura como investigador principal en contratos e proxectos tanto para entidades públicas (Xunta de Galicia, Junta de Andalucía e Universidade Carlos III, entre outras) como privadas (Repsol ou Fundación Barrié). É autor de numerosas publicacións e de varios libros, un deles sobre a Economía de Galicia.

É membro do Consello Galego de Estatística como representante dos profesionais de relevancia neste campo desde 1998. Entre 2004 e 2013 anos foi membro das comisións de doutoramento e estudos de mestrado e tamén exerceu como director do Departamento de Economía Aplicada II da UDC.