O catedrático de Estatística e Investigación Operativa da USC Wenceslao González Manteiga ingresou na Real Academia Galega de Ciencias

20/09/2018

A Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) celebrou na tarde de onte, no Pazo de San Roque (Santiago), o acto de ingreso de Wenceslao González Manteiga, catedrático de Estatística e Investigación Operativa da Universidade de Santiago de Compostela, que se integra na Sección de Matemáticas, Física e Física do Cosmos da institución.

O discurso de ingreso do novo académico da RAGC versou sobre “A Estatística Matemática na era do Big Data”. Nel explícase como internet, as novas tecnoloxías da información e os métodos innovadores de cálculo están propiciando unha revolución na estadística, cunha explosión de múltiples aplicacións que van desde os controles de procesos industriales ata a criminoloxía, pasando pola clasificación das noticias falsas e a medicina personalizada. O discurso foi respondido polo académico Juan José Nieto Roig. Logo, o novo académico recibiu a medalla de mans do presidente da RAGC, Miguel Ángel Ríos, e o diploma que lle foi entregado polo reitor da USC, Antonio López.

No seu discurso, o presidente da RAGC destacou a importancia da transdisciplinaridade na investigación científica, así como a necesidade de crear cultura científica como camiño para lograr unha solución sostible aos problemas que lastran o desenvovemento científico e socioeconómico do país.

Ao acto desta tarde, moi concorrido, asistiron, entre outras autoridades, o reitor da Universidade da Coruña, Julio Abalde; o director da Escola Naval Militar de Marín, Ignacio Cuartero; o concelleiro de Educación e Cidadanía de Santiago de Compostela, Manuel Dios; os vicerreitores das Universidades de Santiago e A Coruña, Vicente Pérez Muñuzuri, Victoria Otero Espinar e Salvador Naya Fernández, así como o director do Instituto Galego de Estatística, José Antonio Campo Andión.