O Día da Ciencia en Galicia, homenaxe ao Padre Baltasar Merino

05/10/2017

Baltasar Merino, recoñecido no Día da Ciencia en Galicia como creador de modelos botánicos e meteorolóxicos determinantes

Representantes das institucións relixiosas, científicas, académicas e

culturais de Galicia asistiron onte á celebración do Día da Ciencia

en Galicia, na que se homenaxeou ao botánico e meteorólogo Baltasar Merino,

coincidindo co centenario do seu pasamento. O acto central, que tivo lugar no Pazo

de San Roque en Santiago de Compostela, foi organizado pola Real Academia Galega

de Ciencias (RAGC) que, en paralelo, contou coa colaboración de diversas institucións

para levar a cabo outras actividades divulgativas no marco desta celebración.

Logo da proxección dun vídeo no que se recolle a traxectoria do Padre Merino –que

ademais de investigador exerceu como sacerdote pola Orde dos Xesuítas–, dous dos

continuadores do seu legado expuxeron os aspectos máis destacados das súas dúas

facetas científicas. Tanto Francisco Javier Silva Pando como Juan Antonio Añel

coincidiron na capacidade de Merino para crear modelos que resultaron

determinantes para a botánica e a meteoroloxía modernas e que en moitos aspectos

teñen repercusión na ciencia actual. O seu sistema de clasificación e descrición da flora foi replicado durante décadas e as súas medicións de cuberta nubosa permiten hoxe avaliar o efecto invernadoiro

Neste sentido, o presidente da RAGC, Miguel Ángel Ríos, aproveitou o exemplo de

Merino para ilustrar que “non se pode caer na simpleza e na miopía de mutilar a

ciencia, pensando únicamente na investigación aplicada. A propia experiencia dinos

que os avances tecnolóxicos máis importantes, os que transformaron o mundo nos

últimos tempos, teñen a súa orixe na ciencia básica”. Na súa defensa do

coñecemento como motor do progreso, Ríos asegurou que é necesaria unha

sociedade científicamente culta “porque só a través da percepción social se poderá

garantir que a ciencia ocupe en Galicia o papel preciso para o desenvolvemento e o

benestar das galegas e dos galegos”.

 

Nese contexto situou a exposición inaugurada hoxe no Pazo de San Roque sobre os dez científicos galegos homenaxeados ata agora con motivo do Día da Ciencia e tamén a presentación da nova revista da RAGC, que dá un xiro cara o enfoque divulgativo.

 

Asistiron ao acto, entre outras personalidades, o Sr. Arcebispo de Santiago D. Julián Barrio; a directora da Axencia Galega de Innovación (GAIN), Patricia Argerey; o presidente do Consello da Cultura Galega,  Ramón Villares; o reitor da Universidade de Vigo, Salustiano Mato; o Secretarios Xeral de Política Lingüística, Valentín García; o Director Xeral de Ordenación e Produción Forestal, Tomás Fernández-Couto;  o concelleiro de Educación do Concello de Santiago, Manuel Dios; o representante do Padre Provincial da Compañía de Xesús, Xosé Antonio Póo; o Alcalde da Guarda, Antonio Lomba e o delegado territorial da Axencial Estatal de Meteoroloxía (AEMET), Francisco Infante. Asistiron tamén representacións de distintas asociacións  de A Guarda, como a Organización de Palangreros Guardeses e a Asociación Veciñal de Montes de Man Común de Camposancos.