O Prof. Dr. D. Juán José Nieto Roig xa é Académico Numerario da RAGC

28/04/2016

Na tarde de onte, o Prof. Dr. D. Juán José Nieto Roig deu lectura ao seu discurso de ingreso na Real Academia Galega de Ciencias, titulado Matemáticas para a Complexidade, discurso que foi contestado polo académico Prof. Dr. D. Gerardo Rodríguez. Durante a sesión solemne, celebrada no Pazo de San Roque ás 19 horas, o novo académico recibiu os distintivos da súa nova condición, o Diploma, de mans do Reitor da USC, e a Medalla, que lle foi imposta polo Presidente da RAGC. Ao acto, que estivo moi concorrido, asistiron, entre outras autoridades, os Reitores das Universidades de Santiago e A Coruña. A sesión foi clausurada polo Presidente da Academia, Prof. Miguel Ángel Ríos, quen resaltou o papel fundamental das matemáticas na formación dos centíficos do século XXI.

Juan José Nieto (A Coruña, 1958) é catedrático da área de Análise Matemática desde 1991. Cunha experiencia docente de máis de 35 anos, na actualidade dirixe o grupo de investigación sobre Ecuacións Diferenciais non Lineais da USC e é, segundo a ISI Web of Knowledge, o terceiro investigador máis citado a nivel mundial no campo das matemáticas. A partir das súas máis de 300 publicacións científicas conta xa con máis de 11.000 citas. Foi bolseiro Fulbright en Estados Unidos e profesor visitante na Universidade de Texas. Exerceu como vicedecano e decano en funcións da Facultade de Matemáticas da USC nos anos 1989 e 1990. No período 2002-2010, foi director do Instituto de Matemáticas da Universidade de Santiago de Compostela e, desde o ano 2007, é o coordinadorcientífico do nodo en Galicia do Instituto Español de Matemáticas. Coordinador do Máster en Matemáticas da USC entre 2009 e 2014, dirixiu seis teses doutorais e na
actualidade atópase dirixindo dúas máis.Entre 2009 e 2012 exerceu como editor-xefe da revista Nonlinear Analysis: Real World Applications, que naquela etapa ocupaba a posición 7 entre un total de 247 revistas na súa categoría. Na actualidade, colabora como editor en varias revistas científicas de
alto impacto a nivel internacional. Ten sido avaliador ou asesor para distintas organizacións españolas (ANECA, ANEP, ACSUG, etc.) e internacionais, como a National Science Foundation (Estados Unidos) e outras europeas e doutros países (Chile, Xeorxia, Australia e Portugal, entre outros.