O próximo día 19 ingresará na RAGC o Prof. Dr. D. Wenceslao González Manteiga

11/09/2018

O acto terá lugar ás 7 da tarde no Pazo de San Roque. O novo académico pronunciará o discurso “A Estatística Matemática na era do “Big Data”, que será contestado polo académico Prof. Dr. D. Juan José Nieto Roig.

O Prof. González Manteiga é Catedrático de Estatística e Investigación Operativa da Universidade de Santiago de Compostela (USC) desde 1992. É coordinador do grupo de Modelos de Optimización, Decisión, Estatística e Aplicacións (MODESTYA), seleccionado como grupo competitivo na Comunidade de Galicia. Liderou proxectos que teñen que ver coa transferencia tecnolóxica, con colaboracións e convenios con diversas empresas. É autor ou coautor de máis de 190 publicacións en revistas de impacto en diversos ámbitos e de máis de 500 comunicacións presentadas en congresos nacionais e internacionais. Foi editor e coeditor de diversas revistas internacionais de impacto, dirixiu/ codirigido 32 teses doutorais e foi coordinador do Máster en Técnicas Estatísticas, das universidades galegas, en 2007-08. Participou na avaliación científica a todos os niveis: sexenios, proxectos de investigación e acreditación de profesores coa ANECA a nivel nacional, a AQU en Cataluña e a DEVA en Andalucía. Obtivo diversos premios de investigación. É “ISI member” e “Fellow da IMS”.

Profesor invitado, a nivel internacional nas Universidades de Louvain A Neuve (Bélxica), Paul Sabatier de Toulouse (Francia), Brno da República Checa, IMPA (Río de Janeiro) en Brasil e a UBA de Buenos Aires, Arxentina, así como nas nacionais de Valladolid, Zaragoza, Carlos III de Madrid, Granada e Politécnica de Barcelona.

É coordinador da “ Ercim WG on Computing & Statistics” en Estatística para datos funcionais; Investigador principal, representando á USC na “ IAP network” en Europa en diversos proxectos. Foi membro do comité de Programa Local do International Congress of Mathematicians, Madrid 2006, e delegado por España en XV Asemblea Xeral da Unión Matemática Internacional ( IMU), Santiago de Compostela en 2006.