O próximo día 23 a RAGC entregará os Premios de Investigación Ernesto Viéitez Cortizo

17/01/2019

O traballo científico distinguido co Premio de Investigación 2018 da Real Academia Galega de Ciencias (RAGC), dotado con 6.000 euros netos, propón o uso de nanopartículas para aplicar terapias diana capaces de frear a metástase do cancro de colon no fígado ata un 80%. O equipo galardoado está liderado polos investigadores  Alejandro Sánchez Barreiro e Inés Fernández Barreiro, do Departamento de Farmacoloxía, Farmacia e Tecnoloxía Farmacéutica da USC e conta coa colaboración de investigadores do grupo Signaling Lab da Universidade do País Vasco; do Instituto de Investigación Sanitaria Biodonostia; do Centro de Investigacións Médico-Biolóxicas da Universidade de Düsseldorf (Alemania); e do Instituto Nacional de Saúde e Investigación Médica de Francia (INSERM). 

A investigación foi publicada este ano na revista International Journal of Cancer, de referencia no ámbito da oncoloxía.

Adrián Pérez Diéguez, do Grupo de Arquitectura de Computadores da Facultade de Informática da UDC, é distinguido co premio para investigadores mozos, dotado con 2000 euros netos, no que se recoñece o traballo de científicos menores de 28 anos. O xurado elixiu de forma unánime a súa estratexia para facilitar o traballo dos programadores informáticos cando se enfrontan á resolución de grandes problemas científicos aplicando técnicas de computación avanzada.

Os premios serán entregados nunha cerimonia que terá lugar o 23 de xaneiro en Santiago, coincidindo coa apertura do curso académico e a toma de posesión do novo equipo directivo da RAGC.

Os galardóns, que chegan este ano á súa vixésimo sétima edición, levan o nome Premios de Investigación Ernesto Viéitez, na honra do anterior presidente da institución.