Pilar Bermejo ingresou na Real Academia Galega de Ciencias

09/05/2018

A Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) celebrou esta tarde no Pazo de San Roque (Santiago) o acto de ingreso de Pilar Bermejo Barrera, catedrática de Química Analítica e decana da Facultade de Química da Universidade de Santiago de Compostela (USC), que se integra na Sección de Química e Xeoloxía da institución.

No ámbito científico, é directora do Grupo de Elementos Traza, Espectroscopía e Especiación (GETEE), que ten como principais liñas de traballo o desenvolvemento de metodoloxías analíticas para a especiación de elementos traza e os estudos de biodispoñibilidade destes en todo tipo de mostras biolóxicas, alimentos e mostras ambientais e de interese industrial, así como estudos no campo da metalómica e a metaloproteómica. No seu grupo desenvólvense tamén novos métodos para o tratamento da mostra usando polímeros de impresión molecular e iónica, así como nanopartículas metálicas. Nos últimos anos, incorporaron unha nova liña de traballo de desenvolvemento de plataformas nanometrolóxicas para o control das nanopartículas en diferentes medios.

Bermejo publicou máis de 300 traballos de investigación e leva dirixidas 38 teses doutorais e 130 proxectos de fin de carreira e teses de mestrado. É membro da Royal Society of Chemistry do Reino Unido, da American Chemical Society, da Real Sociedade Española de Química, da Sociedade Española de Química Analítica, da Sociedade Española de Medicina do Laboratorio, da Sociedade de Espectroscopia Aplicada e da Federation European Societies on Trace Elements and Minerals.

O discurso de ingreso da nova académica da RAGC versou sobre a “Importancia dos metais nas Ciencias da Vida: Especiación de Elementos Traza e Metalómica” e foi contestado polo académico Manuel Freire. Logo, Bermejo recibiu a medalla de mans do presidente da RAGC, Miguel Ángel Ríos, e o diploma foille entregado polo reitor en funcións da USC, Juan Viaño.

Ao acto, que rematou co discurso do Presidente da RAGC, Miguel Ängel Ríos, asistiron os reitores das Universidades de Santiago e da Coruña, o conselleiro maior do Consello de Contas de Galicia, o concelleiro de Educación e Cidadanía do Concello de Santiago e outras autoridades.