A RAGC entrega os premios de investigación Ernesto Viéitez e inaugura o curso para o ano 2018

25/01/2018

A Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) entregou na tarde de onte os seus Premios de Investigación Ernesto Viéitez 2017. Os dous traballos galardoados hoxe demostran que Galicia é un foco de investigacións relevantes sobre as tecnoloxías de futuro para diferentes aplicacións capaces de mellorar a calidade de vida das persoas.

O Premio de Investigación 2017 foille concedido ao equipo formado por María Antonia Señarís, Juan Manuel Bermúdez, Manuel Sánchez, Socorro Castro, Jorge José López e Ramón Pedro Artiaga, un equipo multidisciplinar que integra a químicos e enxeñeiros da UDC procedentes do Centro de Investigacións Científicas Avanzadas (CICA) e dos Departamentos de Química e de Enxeñería Naval e Industrial. O seu traballo describe un innovador método de refrixeración baseado en novos materiais sólidos que supón unha alternativa máis eficiente e menos contaminante aos fluídos utilizados na actualidade en neveiras e conxeladores. O punto de partida é unha perovskita de manganeso con compoñentes inorgánicos e orgánicos que pertence a unha nova familia de materiais híbridos con pouco mais de vinte anos de vida.

Na categoría de Promoción de Novos Investigadores o premio foi recollido por María Inmaculada Aymerich, do Departamento de Física Aplicada da USC. O xurado elixiu de forma unánime o seu novo método de fabricación rápido e económico de dispositivos que simulan vasos sanguíneos para o estudo in vitro de patoloxías cardiovasculares ou tumorais.

Fixeron entrega dos premios o presidente da RAGC , Miguel Ángel Ríos; o reitor da USC, Juan Viaño; o reitor da UDC, Julio Abalde; a directora da Axencia Galega de Innovación (GAIN), Patricia Argerey e o concelleiro de Educación e Cidadanía do concello de Santiago, Manuel Dios.

A investigadora da UDC María Antonia Señarís subliñou que, tras os tempos complicados da crise, “é imprescindible acadar das nosas Institucións un compromiso claro e firme coa investigación e co seu financiamento, para darlle un novo impulso con perspectiva a curto, medio e longo prazo”, argumentando que se trata dun elemento estratéxico á hora de asegurar a competitividade, o desenvolvemento económico e o benestar social dun país. 

No mesmo acto, celebrado en Compostela, tivo lugar a Apertura do Curo 2018 da institución. Tras a lectura da Memoria de actividades polo Secretario da Académia, o académico José Ramón Cancelo de la Torre disertou sobre as fontes do crecemento económico e expuxo os datos relativos a España entre os anos 1970 e 2016, en comparación con outros países.

O presidente da RAGC deu inicio oficial ao curso académico salientando que este será o último ano do seu mandato. Ademais, incidiu en que “a sociedade se xoga o seu futuro na xestión da ciencia” e nese ámbito situou o papel da Real Academia como creadora de cultura científica, cuxo déficit situou como “un dos atrancos importantes cos que se atopa hoxe o desenvolvemento do noso país”.

Ríos destacou que  nos últimos catro anos ingresaron 18 novos académicos e académicas e que, segundo anunciou, neste ano 2018 os novos académicos serán xa 21, con tres novas incorporacións: o catedrático de Estatística Wenceslao González Manteiga, a catedrática de Química Analítica Pilar Bermejo Barrera e o catedrático de Economía Financeira José Antonio Redondo López.

O presidente da RAGC avanzou tamén a próxima convocatoria dos premios na súa edición 2018, así como o inminente anuncio da identidade do homenaxeado no Día da Ciencia deste ano.