A RAGC inaugurou o novo curso académico e entregou os Premios de Investigación Ernesto Vieitez

19/01/2017

No día de onte a RAGC celebrou o acto solemne de Apertura de Curso 2017, no que se entregaron ademáis os Premios de Investigación Ernesto Vieitez 2016.
O acto, celebrado no Pazo de San Roque, estivo presidido polo Presidente da RAGC, Miguel Ángel Ríos e contou coa asistencia do Conselleiro de  Sanidade, Jesús Vázquez; o presidente do Consello da Cultura Galega, Ramón Villares; O Vicerreitor de Oferta Docente e Innovación Educativa da USC, Roberto Javier López; o Vicerreitor de  Política Científica, Investigación e Transferencia da UDC, Salvador Naya; a directora da Axencia Galega de Innovación, Patricia Argerey; o Concelleiro de Educación e Cidadanía, Manuel Diz e o Secretario Xeral de Política Lingüística, Valentín García, entre outras autoridades. Contou cunha asistencia moi numerosa.

Tras a lectura por parte do Secretario, dunha Memoria resumo das actividades da RAGC durante 2016 o Académico Pedro Merino pronunciou a lección inaugural do novo curso académico  co título “Materiais avanzados para a enxeñaría: Dos micro aos nanoestruturados”. Nela, o académico explicou o salto cualitativo que están a supoñer para a enxeñaría os novos materiais baseados na nanociencia, analizando brevemente os casos do grafeno, dos nanotubos de carbono, dos fullerenos, así como o dos nano-composites.

A continuación, o Secretario da RAGC deu lectura o acordo polo que se aprobou a concesión dos premios, procedendose logo a entrega dos mesmos.
O Premio de Investigación 2016 foille concedido ao equipo formado por Mónica Carrera, José Manuel Gallardo, Santiago Pascual, Ángel González e Isabel Medina, membros do Instituto de Investigación Mariña que o CSIC ten en Vigo. O seu traballo derivou no deseño dun novo método de control rápido e específico para a detección de anisakis, que supera as limitacións dos propostos ata o de agora, demasiado
laboriosos e lentos ou incapaces de cubrir diferentes especies, revelándose así como unha solución eficaz para que a industria pesqueira poida garantir a seguridade dunha ampla gama de productos.

Na categoría de Promoción de Novos Investigadores, convocado pola RAGC para promocionar o traballo dos científicos galegos menores de 28 anos, o premio foi recollido por Silvia Barja, do Grupo de Fisiopatoloxía Endócrina do IDIS. A súa investigación conclúe que unha dieta alta en graxa diminúe a produción no estómago dunha proteína capaz de actuar como protectora fronte á obesidade.

Recolleron unha mención honorífica, na categoría do Premio de Investigación, matemáticos da USC Alberto Cabada e Lorena Saavedra e, na categoría de investigadores mozos, Jessica Rodríguez, do Centro Singular de Investigación en Química Bioloxía e Materiais Moleculares (CIQUS) da USC.

Durante a súa intervención en representación de todos os galardoados, a investigadora do Instituto de Investigacións Mariñas do CSIC, Mónica Carrera, afirmou que os descubrimentos científicos son cada vez máis determinantes no progreso social e económico, polo que demandou un compromiso non só dos científicos senón tamén dos poderes públicos e de todos os cidadáns coa investigación.

O Presidente da RAGC, na súa intervención, dedicoulle unha agarimosa lembranza aos académicos falecidos en 2016, Ramón de Vicente, Odón Abad e Luís Suárez-Llanos, este último un dos fundadores da RAGC.

Asegurou que a entrega dos Premios é unha acción de estímulo dirixida a todos os investigadores, especialmente aos investigadores mozos e un acto encamiñado a poñer en valor a ciencia ante a sociedade.

Na apertura do novo curso académico, sinalou que as actividades da RAGC intensificarán este ano o seu papel na comunicación social da ciencia, sempre na súa vertente ética, como camiño de aproximación á verdade e como motor do  desenvolvemento económico e do benestar social.
O Presidente anunciou a incorporación de catro novos académicos á institución ao longo deste ano: o arquitecto Manuel Gallego Jorreto, o sociólogo da UDC Antón Álvarez Sousa, o químico da USC especialista en nanomateriais Arturo López Quintela e o físico da USC José Rivas, especialista nos aspectos magnéticos dos nanomateriais.
Avanzou tamén a próxima apertura do prazo para a presentación de candidaturas aos Premios de Investigación na súa edición 2017, xunto coa dos Premios de Transferencia de Tecnoloxía de Galicia, convocados conxuntamente coa Axencia Galega de Innovación (Gain).

 

.