A RAGC premia o sistema de refrixeración das neveiras do futuro e os vasos sanguíneos artificiais para o estudo de enfermidades coronarias e tumorais

10/01/2018

Baixo o nome “Novo frío”, investigadores da UDC recoñecidos co Premio de Investigación 2017 usan a perovskita para arrefriar de xeito máis eficiente e menos contaminante

O premio para investigadores menores de 28 anos recae nunha física da USC que aplica tecnoloxía láser para fabricar arterias artificiais sobre as que simular e estudar doenzas cardiovasculares e tumorais en laboratorio

O traballo científico distinguido co Premio de Investigación 2017 da Real Academia Galega de Ciencias (RAGC), dotado con 6.000 euros, describe un innovador método de refrixeración baseado en novos materiais sólidos que supón unha alternativa máis eficiente e menos contaminante aos fluídos utilizados na actualidade en neveiras e conxeladores. O equipo galardoado, de carácter multidisciplinar, está formado por investigadores da Universidade da Coruña (UDC). O proxecto premiado na categoría de investigadores mozos, dotado con 2.000 euros, é para unha física da Universidade de Santiago de Compostela (USC) que achega un método de fabricación capaz de replicar vasos sanguíneos artificiais para simular e analizar enfermidades cardiovasculares e tumorais en laboratorio.

A elección dos galardoados vén de ser aprobada en pleno pola RAGC. Os premios serán entregados nunha cerimonia que terá lugar o 24 de xaneiro en Santiago, coincidindo coa apertura do curso académico da institución. Os galardóns, que chegan este ano á súa vixésimo sexta edición, levan o nome Premios de Investigación Ernesto Viéitez, na honra do anterior presidente da institución.

Sen gases contaminantes

O equipo galardoado co Premio de Investigación, outorgado a científicos senior, integra a químicos e enxeñeiros do Centro de Investigacións Científicas Avanzadas e dos Departamentos de Química e de Enxeñería Industrial e Naval da UDC. Liderado por María Antonia Señarís, está formado por Juan Manuel Bermúdez, Manuel Sánchez, Socorro Castro, Jorge José López e Ramón Pedro Artiaga. Baixo o nome “Novo frío”, os investigadores abren novas vías para a refrixeración doméstica e industrial.

Aínda que con melloras tecnolóxicas continuadas, as neveiras, conxeladores e máquinas de aire acondicionado de hoxe arrefrían con base nos mesmos principios de compresión e expansión de gases e líquidos descritos polo británico Jacob Perkins en 1830. A refrixeración mediante fluídos supón hoxe máis do 20% do consumo enerxético mundial, a súa eficiencia é moi mellorable e, ademais, a maioría emprega materiais perigosos, tóxicos e contaminantes.

Os investigadores da UDC botan man de materiais sólidos innovadores para presentar a súa alternativa de tecnoloxía de refrixeración máis económica, sustentable e enerxeticamente eficiente. A súa elección é a perovskita, un composto híbrido orgánico-inorgánico con pouco máis de vinte anos de vida que xa se fixo famoso como materia prima de células solares de baixo custo e que, por primeira vez, é proposto como material refrixerante.

En todo caso, os investigadores aseguran que o seu achádego permite identificar propiedades que se poden atopar noutros materiais da mesma familia, polo que se podería ampliar o abano de posibilidades. A clave está en conseguir espertar neles o efecto refrixerante mediante a aplicación de presión, coa vantaxe de substituír os gases perigosos e contaminantes por materiais sólidos máis compactos, económicos e con menor consumo eléctrico e risco de fugas.

Arterias para bioensaios

Inmaculada Aymerich, do Departamento de Física Aplicada da USC, é merecedora do premio para investigadores mozos, no que se recoñece o traballo de científicos menores de 28 anos. O xurado elixiu de forma unánime o seu novo método de fabricación rápido e económico de dispositivos que simulan vasos sanguíneos para o estudo in vitro de patoloxías cardiovasculares ou tumorais.

A investigadora propón fabricar modelos artificiais de arterias capaces de replicar o funcionamento dos vasos reais para realizar experimentos que permitan observar o seu comportamento nas condicións propias das doenzas coronarias e dos cancros asociados á circulación de células tumorais no torrente sanguíneo. Este avance pode contribuír de maneira decisiva a comprender os factores que favorecen estas enfermidades, que son as principais causas de mortalidade no mundo, e facilitar así tanto a súa prevención como o seu tratamento.

O dispositivo deseñado por Aymerich está fabricado en vidro utilizando tecnoloxía láser. A súa textura é rugosa para facilitar a adherencia das células –obtidas de cordóns umbilicais donados­– ás paredes do vaso artificial, de maneira que non se desprendan durante os bioensaios. Ten ademais a vantaxe de permitir a simulación de arterias máis grandes das abordadas ata o momento, como as bifurcacións coronarias, e mesmo de reproducir modelos personalizados, algo inédito ata agora.