Unha clase aberta de Elena Vázquez Cendón abre o V Premio Universitario de Xornalismo Científico CONTAR A CIENCIA - "LA CAIXA"

21/02/2018

O concurso foi presentado este mércores na Facultade de Ciencias da Comunicación da USC. O certame está convocado pola Real Academia Galega de Ciencias e patrocinado pola Obra Social  de "la Caixa"

A Facultade de Ciencias da Comunicación da USC acolleu este mércores a presentación do V Premio Universitario "Contar a Ciencia-la Caixa", convocado pola Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) e patrocinado por Obra Social la Caixa. O certame está dirixido aos estudantes de Xornalismo, Comunicación Audiovisual e Publicidade e Relacións Públicas das tres universidades galegas, e busca achegar o xornalismo científico e a propia ciencia aos futuros comunicadores.

O acto consistiu nunha clase aberta con alumnos de 2º curso da Facultade. Estivo presidido polo presidente da RAGC, Miguel Ángel Ríos, e nel tamén participaron María Jesús García Piñeiro, directora do Centro de Institucións de La Caixa e María Jesús Tallón Nieto, subdirectora xeral de Promoción Científica e Tecnolóxica Universitaria da Xunta de Galicia, e Elena Vázquez Cendón, decana da Facultade de Matemáticas da USC, que impartiu unha charla subliñando a importancia do rigor e a claridade da comunicación científica para o progreso da sociedade.

O CONCURSO

O premio Contar a Ciencia-"la Caixa", organizado por GCiencia e que tamén conta coa colaboración da Secretaria Xeral de Universidades e a empresa Primux, está dirixido aos estudantes de Comunicación das tres universidades galegas, así como aos graduados nestas titulacións que obtiveran o seu título durante o curso 2016-2017. Poderán participar individualmente ou nun grupo dun máximo de dúas persoas. Os traballos deberán afondar, en formato de reportaxe ou entrevista, e escollendo entre diferentes soportes – escritos, fotográficos, audiovisuais ou mixtos – algúns dos proxectos científicos que se desenvolven en calquera das tres universidades galegas.

O ano pasado, a gañadora do premio foi Claudia Alonso, da Universidade de Vigo, grazas á reportaxe "A menciña dos esquecidos", na que contaba o traballo do grupo de Xenética Humana da mesma universidade na loita contra as enfermidades raras.

Ata o 9 de marzo, os participantes poderán presentar as súas propostas previas escribindo a redaccion [at] gciencia.com. Ao remate deste prazo, o equipo de GCiencia seleccionará as propostas finalistas, atendendo aos criterios de maior interese e orixinalidade, calidade expositiva e valor xornalístico. Posteriormente, comunicará aos elixidos a súa selección para que comecen a realizar os seus traballos, que poderán presentar entre o 13 de marzo e o 10 de abril.

O xurado elixirá un gañador ou gañadora, que recibirá 700 euros en metálico, un smartphone IoxPhone P1 de Primux e un diploma; e dous finalistas, que recibirán cadanseu equipo de altofalantes portátiles Sk-21 de Primux e diplomas acreditativos. O resto de participantes seleccionados para elaborar os seus traballos tamén recibirán diplomas acreditativos.

 

As bases completas poden consultarse en ragc.gal ou gciencia.gal

 

» Bases (pdf)