Gumersindo Feijoo Costa

Director científico do Centro de Investigación Interdisciplinar en Tecnoloxías Ambientais (CRETUS) da Universidade de Santiago

Gumersindo Feijoo Costa é catedrático de Enxeñaría Química da Universidade de Santiago de Compostela (USC). É especialista na aplicación da análise de ciclo de vida e pegadas ambientais na xestión ambiental, con especial énfase no ecodeseño como elemento esencial da aplicación da economía circular.

Foi director de 32 teses de doutoramento, das que derivaron máis de 350 artigos en revistas do JCR e a presentación de 9 patentes (2 en explotación). O impacto da súa investigación reflíctese no número de citas, que o sitúa entre o 2% de científicos máis citados do mundo segundo o ránking de Stanford. Destaca así mesmo a presenza en máis de 150 documentos de planificación estratéxica da Comisión Europea e outros 20 países como, por exemplo, Australia, Canadá, Estados Unidos, Francia, Singapura ou Suíza.

Tamén é salientable a súa actividade de divulgación científica en plataformas en aberto como GCiencia ou The Conversation.  No eido da xestión universitaria, cómpre destacar fundamentalmente a súa etapa como director do Departamento de Enxeñaría Química, a de vicerreitor e a dirección do Centro de Excelencia en Tecnoloxía Ambientais (CRETUS), todos eles na Universidade de Santiago.