A RAGC e a Universidade de Santiago celebraron un acto “in memoriam” do académico José Antonio Redondo López, falecido o pasado mes de xuño. O evento tivo lugar na facultade de Ciencias Económicas e Empresariais da USC, onde o homenaxeado foi vicedecano e profesor.

O acto abriuno o reitor da Universidade de Santiago, Antonio López. Participaron ademais o o decano da facultade de Ciencias Económicas e Empresariais, Xoán Ramón Doldán; o presidente da RAGC, Juan Lema; o presidente do Consello de Contas, Juan Carlos Aladro; o director xeral do Instituto Galego da Vivenda e Solo, Heriberto García; a académica da RAGC María Loureiro, catedrática de Fundamentos da Análise Económica da USC; e a profesora de Economía Financeira e Contabilidade da USC Loreto Fernández.

José Antonio Redondo, unha dilatada traxectoria como docente, investigador e xestor público

Natural de Lugo, José Antonio Redondo estudou Ciencias Económicas, Comerciais e Políticas na Universidade de Santiago (1969-1974), formando parte da terceira promoción. Na institución compostelá colaborou na creación da licenciatura de Ciencias Empresariais, foi director constituínte do departamento de Economía Financeira e Contabilidade, e director do  Máster de Renovación Urbana e Rehabilitación. Especializouse en finanzas e introduciu os primeiros estudos sobre Teoría do Investimento Financeiro.

Tras unha estadía académica na Universidade de California, dedicou a súa investigación á aplicación da análise espectral ao comportamento dos valores bolsistas, unha aproximación pioneira que pode considerarse antecedente da actual intelixencia algorítmica aplicada aos mercados financeiros. En 1987 obtivo a Cátedra no departamento de Economía Financeira e Contabilidade da USC, iniciando unha intensa actividade investigadora centrada na análise dos fluxos financeiros. Neste período creou un magnífico equipo de investigadores mozos. Ao longo da súa dilatada traxectoria, realizou numerosos estudos, monografías e guías de referencia no eido da ciencia económica.

En 1993 comezou unha nova etapa profesional vencellada á Administración Pública de Galicia, colaborando como asesor na sociedade pública Sogama e na Consellería de Obras Públicas e Urbanismo. Dous anos despois convértese en director xeral do Instituto Galego da Vivenda e Solo, cargo que desempeñou ata 2005 cunha xestión valorada de forma moi positiva, xa que promoveu a vivenda pública e deulle pulo á rehabilitación.

Xa de volta á vida universitaria, segue a participar en numerosos órganos e consellos, entre eles a Comisión Superior de Urbanismo de Galicia, o Instituto Galego de Promoción Económica, Xestur, o Instituto Galego de Estatística, o Consello Galego da Xuventude, o Consello para a Promoción da Igualdade do Home e da Muller de Galicia, ademais de ser membro da Fundación Catedral de Santiago.

En 2015 foi nomeado conselleiro maior do Consello de Contas de Galicia, cargo que ocupou ata 2023. Durante o seu mandato promoveuse unha reforma lexislativa de gran calado, impulsando medidas para mellorar a fiscalización das Administracións públicas galegas e a loita contra a corrupción. Reforzou o papel activo do Consello na xestión pública, máis alá da súa tradicional labor fiscalizadora.

A súa ampla traxectoria foi recoñecida co seu ingreso na Real Academia de Ciencias Económicas e Financeiras e na Real Academia Galega de Ciencias. “En 2023 retirouse, deixando un legado académico, institucional e humano de enorme valor. Quédanos a lembranza dun home íntegro, dun académico brillante, dun servidor público exemplar e, sobre todo, dunha excelente persoa” -manifestou durante o acto a profesora da Universidade de Santiago Loreto Fernández-.

Un académico moi comprometido

O homenaxeado ingresou na Real Academia Galega de Ciencias en 2018. No transcurso do evento, o presidente da institución, Juan Lema, lembrou que “hai oito anos, no seu discurso de ingreso na RAGC, José Antonio Redondo facía unha excelente análise sobre a crecente importancia das Finanzas do Comportamento e alertaba sobre o impacto das noticias falsas relativas ao sistema financeiro. Na actualidade, estes aspectos resultan centrais na nosa sociedade, nun momento de perplexidade e potenciais cambios. A súa clarividencia amosounos o camiño a percorrer, cunha visión positiva, tan necesaria nestes tempos”.

O presidente puxo de relevo a figura de José Antonio Redondo como “un académico comprometido coa institución, sempre disposto a asumir responsabilidades e a traballar en beneficio do proxecto común”. Salientou que “a pesar das súas importantes responsabilidades como conselleiro maior de Contas, foi un gran piar da RAGC, cunha actitude construtiva e capacidade para crear consensos”. O presidente concluíu a súa intervención sinalando que “o seu legado perdura nunha forma de facer Academia baseada no rigor, o diálogo e o servizo”.

Share This