A Academia celebrou o acto de apertura do seu curso, no compostelán Pazo de San Roque. Ao evento asistiu o presidente, Juan Lema, e o resto do equipo de goberno da institución, xunto a outras académicas e académicos. Acompañáronos diversas autoridades como o conselleiro de Educación, Ciencia,  Universidades e Formación Profesional, Román Rodríguez; o subdelegado do Goberno na Coruña, Julio Abalde; a presidenta da Fundación Barrié, Pilar Romero; o reitor da Universidade de Santiago, Antonio López; a vicerreitora do Campus de Ferrol e Responsabilidade Social, Ana Isabel Ares; a presidenta do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez; entre outros representantes de institucións políticas, culturais, científicas e académicas galegas. 

Juan Lema reafirmou “o papel da ciencia como elemento central do progreso da nosa sociedade, como motor de desenvolvemento social, económico e cultural”. E puxo de relevo que “a ciencia non avanza a base de xestos espectaculares, senón grazas a un labor constante, rigoroso e moitas veces silencioso”. Manifestou que “a RAGC forma parte dese esforzo colectivo por construír un futuro mellor baseado no coñecemento, no pensamento crítico e no compromiso co ben común, capaz de responder aos retos do presente. As múltiples distincións e recoñecementos recibidos polas nosas académicas e académicos son motivo de orgullo colectivo, pero tamén unha proba clara da solidez e do nivel da ciencia que se fai en Galicia”.

Arturo López Quintela: “Na ciencia os cambios máis profundos revélanse no máis pequeno”    

No transcurso do acto, o académico da RAGC e catedrático de Química Física da USC Arturo López Quintela impartiu unha lección maxistral na que abordou a catálise como un dos piares fundamentais da química moderna e da industria. “Nas últimas décadas asistimos á redución dos materiais catalíticos a escala nanométrica. Este cambio non é unicamente unha mera diminución de tamaño. Ao reducir a escala, a relación superficie-volume aumenta drasticamente, expondo un maior número de átomos activos e mellorando de forma notable a actividade catalítica. Grazas a esta estratexia foi posible diminuír a cantidade necesaria de metais nobres con moi bos resultados e reducindo considerablemente os custos” -explicou-. Concluíu a súa intervención manifestando que “na ciencia os cambios máis profundos revélanse no máis pequeno”.

Entrega dos “Premios de Investigación Fundación Barrié-RAGC”

Durante o evento entregáronse os “Premios de Investigación Fundación Barrié-RAGC”, destinados a recoñecer a mellor investigación que se desenvolve na nosa comunidade en Ciencias Básicas, Técnicas e Sociais. Os tres traballos distinguidos recibiron unha dotación de 5.000 euros cada un, e concedéronse ademais varios accésit en cada unha das tres categorías. O presidente da RAGC fixo especial fincapé no éxito desta segunda convocatoria, con 133 candidaturas presentadas. Destacou o carácter “innovador e cun alto impacto científico e social” dos traballos premiados. “A temática destas investigacións amosa unha ciencia conectada coa realidade e cos grandes desafíos actuais” -apuntou-.

Pola súa parte, a presidenta da Fundación Barrié, Pilar Romero Vázquez-Gulías, salientou que “a colaboración coa RAGC e a convocatoria destes premios responden á convicción da Fundación Barrié de que a investigación é un motor indispensable para o desenvolvemento social e económico de Galicia. Recoñecer os mellores proxectos científicos significa tamén recoñecer a capacidade do noso ecosistema investigador para xerar coñecemento de calidade e para traducilo en solucións que melloren a vida das persoas. A ciencia galega avanza grazas ao talento, ao rigor e á perseveranza dos profesionais que a fan posible, e esta iniciativa quere ser unha contribución á consolidación dunha Galicia máis innovadora e máis competitiva”.

Premiados na categoría de Ciencias Básicas

O premio en Ciencias Básicas recaeu na identificación dunha proteína como unha potente diana terapéutica para loitar contra un tipo de mutación xenética presente en cancros como o melanoma, o de mama ou o colorrectal. Amósase capaz de frear o crecemento de certos tumores e evitar a aparición de resistencia aos fármacos. Os seus autores, liderados por María Mayán, están integrados no Centro de Investigación en Nanomateriais e Biomedicina (CINBIO) da Universidade de Vigo. A galardoada destacou que “a resistencia ao tratamento é un dos retos máis importantes en oncoloxía, por iso proxectos encamiñados a entender os mecanismos implicados e a buscar solucións son tan relevantes para poder chegar a curar o cancro ou, polo menos, cronificalo. Ademais, esta investigación exemplifica o potencial transformador da ciencia feita en Galicia para abordar problemas reais”.

Nesta área concedéronse dous accésits. Un foi para o equipo de Manuel Souto, do Centro Singular de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares -CiQUS- da Universidade de Santiago. Desenvolveu un novo composto orgánico para conseguir baterías máis rendibles, económicas e sostibles; con importantes vantaxes ambientais, económicas e tecnolóxicas fronte aos eléctrodos inorgánicos tradicionais. “Este premio recoñece o impacto e a relevancia actual da investigación que estamos a levar a cabo no CiQUS, centrada en buscar novas solucións máis sustentables para aplicacións en almacenamento enerxético” -salientou-.

O segundo accésit foi para Hamza Al-Shdaifat, da facultade de Matemáticas da USC. O seu traballo versa sobre novidosos conceptos de integrais e derivadas de utilidade para resolver problemas complexos en física e enxeñaría, a través do modelado de fenómenos. O investigador puxo de relevo que “este recoñecemento representa un pulo moi importante ao noso traballo e valoramos moi positivamenta que institucións como a RAGC e a Fundación Barrié aposten por fomentar a investigación e a divulgación das ciencias e as súas aplicacións”.

Premiados na categoría de Ciencias Técnicas

O premio na categoría de Ciencias Técnicas foi para o grupo de Cristina Gallego, do Centro de Investigación Interdisciplinar en Tecnoloxías Ambientais -CRETUS- da USC. Propoñen un xeito innovador e sustentable de aproveitar a pel do peixe, empregándoa para obter xelatina de alta calidade para o os sectores alimentario, farmacéutico e cosmético. “Este recoñecemento é unha demostración de que o traballo científico permite avanzar cara a un futuro máis sustentable e afrontar problemas reais que nos afectan a todos” -apuntou a investigadora-.

Outorgouse un accésit a un equipo do Centro de Investigación en Tecnoloxías Navais e Industriais -CITENI- da Universidade da Coruña (Campus de Ferrol), liderado por Javier Pernas. Usando a intelixencia matemática, desenvolveu unha metodoloxía para  optimizar a planificación de tareas no proceso de construción de buques, con aplicación noutros sectores como o aeroespacial ou a construción modular. “Para min, o obxectivo e o reto da universidade é converter o coñecemento científico en impacto real e positivo na vida das persoas” -salientou o galardoado-.

Premiados na categoría de Ciencias Sociais

O premio en Ciencias Sociais foi para o equipo de por Iria González, da Escola de Enxeñaría Industrial da UVigo, que traballa na xestión sostible da denominada última milla no comercio electrónico. É a fase final e máis crítica do proceso, o transporte do pedido desde o derradeiro centro de distribución ata a entrega ao cliente, cun alto impacto ambiental. A investigación proporciona ferramentas e directrices para facilitar o deseño e posta en marcha de estratexias sustentables nesta fase. “Para nós este premio é un recoñecemento á aposta pola sostibilidade e un impulso para seguir a traballar nesta liña” -sinalou a investigadora-.

Outorgouse un accésit ao grupo de María Garrido, da facultade de Ciencias Económicas e Empresariais da USC. Analizaron o impacto das prácticas ambientais no rendemento, o risco e a resiliencia das pemes. A partir dunha mostra de máis de 500 pemes galegas, observaron que as prácticas ambientais, e especialmente as laborais, poden xerar efectos positivos nalgúns indicadores económicos e na capacidade de resistencia das pemes en contextos de crise. “Este premio reforza o papel esencial da investigación na sociedade actual para comprender os retos aos que se enfrontan as pemes galegas e para apoiar a toma de decisións” -destacou Garrido-.  

Share This