Jesús Doval Gandoy

Catedrático de Tecnoloxía Electrónica da Universidade de Vigo (UVigo)

Jesús Doval Gandoy forma parte do equipo do Centro de Investigación en Tecnoloxías, Enerxía e Procesos Industriais (CINTECX) da Universidade de Vigo, onde dirixe o Grupo APET, centrado en resolver problemas sociais relevantes vencellados á electrónica industrial e ás tecnoloxías de enerxía eléctrica, aplicando os seus resultados á mellora de sectores como o transporte ou a enerxía. A súa actividade investigadora está relacionada coa electrónica de potencia e a conversión de enerxía eléctrica.

É autor de artigos de revista, capítulos de libros, patentes e artigos presentados en conferencias internacionais, a maioría relacionados con accionamentos eléctricos de velocidade variable e co control de convertedores electrónicos conectados á rede eléctrica. Ten desenvolto múltiples actividades de investigación e transferencia de tecnoloxía en colaboración con empresas de varios sectores e con investigadores de diferentes países. No eido formativo, dirixiu máis dunha decena de teses de doutoramento e máis cun centenar de traballos fin de carreira, fin de mestrado e fin de grao. Ademais, dirixe cursos de formación profesional adaptados ás necesidades das empresas para aumentar o seu retorno de investimento, reducir o tempo de inactividade e mellorar as habilidades e a motivación do seu persoal.

No ámbito internacional, é membro do Instituto de Enxeñeiros Eléctricos e Electrónicos, da Sociedade de Electrónica Industrial e da Sociedade de Electrónica de Potencia. É editor de varias publicacións internacionais nestes campos. Como enxeñeiro, traballou en empresas de diferentes sectores industriais, en particular do petroquímico, xeración e transporte de electricidade, automoción e electrónica; tanto en España como no Reino Unido.