O accésit do certame foi para o traballo que relata un transplante de corazón desde quirófano, da xornalista Uxía Rodríguez
A RAGC, en colaboración coa Xunta de Galicia a través da Axencia Galega de Innovación, falla a décima edición do Premio de Xornalismo Científico Celia Brañas 2025. Está destinado a galardoar unha peza xornalística científica ou tecnolóxica, de carácter informativo, en formato escrito ou audiovisual, publicada ou emitida no último ano en calquera medio galego (ou edición galega dun medio estatal). O premio entregarase nun acto que se celebrará o vindeiro 11 de xuño, no Pazo de San Roque de Santiago.
O xurado acordou conceder o premio -dotado con 3.500 euros- á reportaxe “Trabajos del Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago descifran cómo todos los caminos llevan a la obesidad” da xornalista Lucía Cancela Martínez, publicada o 4 de marzo de 2025 en “La Voz de la Salud” -o portal de saúde, benestar e nutrición de La Voz de Galicia-. Aborda as investigacións que se están a levar a cabo no IDIS para atopar os mecanismos que expliquen unha patoloxía tan complexa como é a obesidade e buscar solucións á mesma. Ademais, pretende rachar cos mitos que rodean a esta enfermidade e co estigma que padecen as persoas que a sofren.
“Lonxe do que se adoita pensar, a obesidade non é o simple resultado de comer moito e moverse pouco. É unha enfermidade multifactorial na que interveñen moitas variables que aínda se están descubrindo. Precisamente, aquí entra o labor dos dous grupos de investigación que protagonizan a reportaxe. O seu traballo é fundamental para atopar non só a causa desta patoloxía, senón todos os mecanismos que están implicados e dos cales depende, en boa medida, a súa solución” -explica a galardoada-.
O xurado salienta que este traballo xornalístico trata “un tema de grande impacto social a nivel global dun xeito moi divulgativo, empregando unha linguaxe sinxela e un ton ameno, abordando desde un punto de vista científico un campo no que as pseudociencias e os bulos teñen ampla cabida. Asemade, contribúe a visibilizar a ciencia feita en Galicia, dándolle voz a investigadoras galegas que traballan neste campo”.
Lucía Cancela: “O xornalismo científico é máis importante que nunca porque estamos nun mar de desinformación”
Lucía Cancela (A Coruña, 1997) é xornalista e comunicadora audiovisual pola Universidade de Santiago de Compostela. Desde 2020 traballa en La Voz de Galicia, primeiro na delegación da Coruña, para despois formar parte de “La Voz de la Salud”. En 2022 obtivo o Premio FER da Comunicación e en 2024 os premios xornalísticos da Sociedad Española de Cardiología, da Sociedad Española para el Estudio de la Obesidad e o Premio de Periodismo en Respiratorio.
Salienta que o “xornalismo científico é máis importante que nunca porque estamos nun mar de desinformación que vén de distintas fontes. Facemos de ponte entre os científicos e todo o que eles achegan á sociedade. Ademais, é un xeito de educar, o que permite que a poboación tome mellores decisións persoais”.

Uxía Rodríguez: “Este traballo demostra como o xornalismo científico pode emocionar, informar e xerar impacto social ao mesmo tempo”
A segunda peza mellor valorada -dotada con 1.500 euros- é a reportaxe titulada “Dentro del quirófano en un trasplante de corazón: «Ha sido casi perfecto cuando ha vuelto a latir»” de Uxía Rodríguez Diez, publicada en “La Voz de la Salud” de La Voz de Galicia o 16 de febreiro de 2025. Amosa, desde os quirófanos do Complexo Hospitalario Universitario da Coruña (CHUAC), non só a complexidade técnica dun transplante de corazón, senón tamén a súa dimensión humana. O doante, o receptor, os profesionais sanitarios e o sistema que o fan posible son os protagonistas desta historia.
“O día do transplante estivemos dentro de dous quirófanos durante máis de oito horas. Así, puidemos documentar cada paso do proceso coa máxima fidelidade, e o resultado foi unha crónica visual, detallada e profundamente humana dun momento no que ciencia e vida se unen” -explica a autora-. “Este traballo demostra como o xornalismo científico pode emocionar, informar e xerar impacto social ao mesmo tempo” -manifesta-.
O xurado pon de relevo que se trata dunha reportaxe-crónica “ben ilustrada, didáctica e que mantén a tensión informativa ata o final. Amosa o esforzo da reporteira por trasladar ao público de xeito sinxelo unha cuestión transcendental como é a doazón e o transplante de órganos. Destaca tamén o seu carácter multiplataforma, xa que inclúe un vídeo completo da reportaxe”.
Uxía Rodríguez (A Rúa-Ourense, 1986) é coordinadora de “La Voz de la Salud” desde o ano 2021. Antes traballou como redactora e presentadora en “V Televisión”, como redactora dixital na web de La Voz de Galicia e na sección de Sociedade do xornal. Desde o inicio da pandemia formou parte do equipo dedicado a cubrir toda a información relacionada coa Covid-19.
O papel dos medios de comunicación na difusión da ciencia
A RAGC considera que “a ciencia e a tecnoloxía teñen actualmente un papel determinante e indiscutible no desenvolvemento económico e o benestar social dun país, polo que comunicar estes achados e as súas aplicacións á sociedade galega é unha prioridade”. Nesta liña, a Academia manifesta que os medios de comunicación poden contribuír “dun xeito decisivo” a acadar este obxectivo.
O xurado desta edición estivo composto polo académico da RAGC Pedro Merino, que actuou como presidente; a vicerreitora de Comunicación e Relacións Institucionais da Universidade de Vigo, Mónica Valderrama; Luís Manuel Villamor, doutor en Ciencias da Comunicación da Universidade de Santiago; a directora da Área de Talento e Transferencia de Gain, María José Mariño; e a técnica da Área de Programas de Gain Silvia López.